Alumnado do CEIP de San Cosme de Barreiros visita a granxa palense de Arqueixal
- Laura Moure
- 26 oct 2022
- 2 Min. de lectura
Distintos centros educativos achegaranse a distintas explotacións e empresas da Ulloa dentro do programa da Deputación Da Escola á Granxa
Laura Moure/A Ulloa
A deputada de Medio Rural, do Mar e Mocidade Mónica Freire achegouse este luns ao CEIP de San Cosme de Barreiros para entregar exemplares do libro Os Bolechas van da escola á granxa, unha publicación editada ao fío do programa Da Escola á Granxa co que, nestes meses, se están a levar a cabo visitas de escolares a granxas e pequenas producións agrícolas e artesanais do rural. Os nenos e nenas de Barreiros visitaron a granxa Arqueixal, en Palas de Rei, onde ademais de interaccionar cos animais coñeceron o proceso de elaboración do queixo e do iogur natural que producen.

A deputada de Medio Rural, que estivo acompañada polo alcalde en función de Barreiros, Antonio Veiga, e polas concelleiras de Educación e Igualdade Montse Porteiro, e Servizos Sociais, Carme Veiga, sinalou que "coa edición destes libros, que están a recibir os pícaros e pícaras que participan nas visitas, queremos dar continuidade e expoñer dun xeito didáctico e divertido a importancia do traballo que desenvolven gandeiros e gandeiras, na produción de alimentos e na conservación do territorio e colaborar en trasladar aos máis pequenos a imaxe dun rural vivo, dinámico e con futuro".
Mónica Freire apuntou tamén "as boas valoración que tanto desde os colexios como desde as granxas fan destas visitas, que comezaron a finais do curso pasado e que continúan durante este primeiro trimestre do novo curso".
Vindeiras excursións
Ademais do alumnado do CEIP de San Cosme de Barreiros, nas últimas semanasn realizáronse visitas de alumnado do CEIP de Triacastela e do CEIP do Páramo, a El País del Abeyeiro; do CEIP de Riotorto, do CEIP Terra Chá de San Román (Vilalba) e do CEIP Cantel de Foz, a Tropic Gaia; do CEIP de Begonte, a As Vacas da Ulloa; do CEIP de Paradela e do CEIP de Samos, a Muvicla; do CEIP Xoan de Requeixo de Chantada e do CEIP Frei Luis de Granada de Sarria, a Casa da Fonte; do CEIP de Cospeito, a Champivil e Chousa do Lea; do CEIP DE Quiroga e do CEIP de Muras, a Caurelor; do CEIP de Monterroso, a Pazo de Vilane e As Vacas da Ulloa; do CEIP Laverde Ruiz de Outeiro de Rei a Arqueixal; e do CPI Tino Grandío de Guntín a Cabuxa Natur. Ademais, Adega desenvolveu obradoiros de sensibilización ambiental e horticultura ecolóxica no CEIP de Rábade.
Ademais, durante a semana vindeira, están programadas as seguintes visitas a granxas e obradoiros nos centros escolares: o alumnado do CEIP A Ponte (Lugo) coñecerán As Vacas da Ulloa; os do CEIP Monterroso, Milhulloa e Arqueixal; os CEIP Covas de Viveiro, A Casa da Fonte; os do CEIP da Pastoriza, Embutidos Suarna; os do CEIP As Mercedes (Lugo), Chousa do Lea.
As visitas estanse a desenvolver dacordo co calendario elaborado a partir das solicitudes realizadas polas Anpas durante o prazo de convocatoria e coa proposta formativa que cada granxa prepara para os nenos e nenas. Nesta primeira edición do realizaranse 72 visitas e obradoiros.
NOTICIA RELACIONADA:
Comments