Ecos da Comarca/Xeral
A Xunta vén de activar desde a madrugada deste sábado a alerta laranxa por chuvias no oeste da Coruña e ademais mantense o nivel de aviso tamén laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Ademais, a Consellería, tamén anunciou desde a Secretaría Xeral para o Deporte a suspensión da actividade deportiva no mar nos concellos afectados.
Publicidade
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), as precipitacións afectarán ao oeste da Coruña desde a madrugada de onte e prevense chuvias acumuladas ao longo da xornada de hoxe de 80 milímetros en 12 horas. No oeste e suroeste da Coruña e na provincia de Pontevedra a alerta será amarela por choivas e por vento en Coruña, na Mariña lucense, no interior de Pontevedra e na montaña de Ourense.
Canto ao temporal costeiro, a alerta laranxa estará activa desde a tarde de onte en toda a costa coruñesa por vento do sur ou suroeste de forza 8 e con mar combinada do suroeste con ondas de ata cinco metros. O litoral pontevedrés, que onte estivo en alerta amarela, pasará a nivel laranxa a primeiras horas da xornada de hoxe.
A Xunta lembra a importancia de circular con precaución ante as intensas precipitacións e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.
Publicidade
Canto ao temporal costeiro, recoméndase manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.
Comments