Ecos da Comarca/Xeral
A Xunta activa para hoxe, martes 7 de xaneiro, a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña e para o mércores na de Pontevedra. Ademais, tamén haberá alerta amarela por fortes ventos de compoñente sur ata 80 quilómetros por hora no noroeste, oeste e suroeste da Coruña, no interior de Pontevedra e na Mariña de Lugo dende hoxe ao mediodía e durante toda a xornada.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde hoxe ao mediodía no noroeste da Coruña pasando a nivel laranxa toda a costa coruñesa e tamén á de Pontevedra o mércores, 8 de xaneiro, por mar combinada de oeste a suroeste con ondas de ata seis metros e vento do suroeste de forza 8.
Publicidade
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.
コメント