Alejandro Rouco de Toques gaña o XXI Campionato de Pesca organizado polos Troiteiros Río Furelos
- ecosdacomarca
- hace 1 día
- 3 Min. de lectura
Manuel Emilio Pardo Gómez obtivo a mellor captura
Laura Moure/Melide
O pasado sábado, 12 de abril, disputouse nas augas do río Furelos (Melide-Toques) a XXI
edición do Campionato de Pesca organizado pola Asociación de Troiteiros “Río Furelos”. Houbo unha quincena de participantes e capturáronse case 50 troitas.
"A xornada comezou ás 7:30 horas na Churrería O Burato, onde se reuniron os 15 participantes que a deusa Fortuna escolleu de entre todos os inscritos. Alí, despois do preceptivo chocolate con churros, procedeuse ao sorteo dos tramos de río (700 metros) que ocuparía cada troiteiro, todos con cadanseu xuíz. De camiño ao río nunha mañá fría, pero primaveral, da man dun orballo persistente, cadaquén ía cavilando nas estratexias necesarias para acompañar, coa máxima habelencia, as técnicas e artes axeitadas para a xornada que tiñan diante. Con certeza que nas súas cabezas aínda ecoaban os refráns que, os días anteriores ao evento, repetían ollando cara o ceo ora o de “ néboa no Careón, non vaias ás troitas pasmón”, ora “ar solán, troitas na mao”", sinala a asociación.
Publicidade
"Ás 8,30, aínda asomando Lourenzo tras o Careón, principiou a competición. O bo facer dos experimentados troiteiros de Melide, Toques, Sobrado, Friol, Arzúa, Curtis, Agolada, Lalín e A Estrada e a colaboración do Furelos deu como resultado unha sorte moi repartida. Coa a mañá avanzando entre a ramallada dos ameneiros e o sol acariñando remansos e brincando nos rápidos rematou a competición no lugar da Tosta coa concentración dos participantes ás 13:30 horas. Os nervos dos participantes e público foron mitigados cuns petiscos mentres a organización levaba a cabo o reconto e medición das capturas", engade.
Os labores de control por parte de representantes da Asociación certificaron o seguinte: En total pescáronse 47 troitas da medida.
Campión: Alejandro Rouco Villamor de Toques que foi quen de meter no cesto 6 troitas.
2º posto: Manuel Emilio Pardo Gómez de Sobrado dos Monxes (5 troitas).
3º posto: Fernando Miguélez Mejuto de Melide (5 troitas).

PREMIO A MELLOR CAPTURA:
Manuel Emilio Pardo Gómez 1 troita de 39 cm
Mencións especiais :
1. Participante máis novo: Ángel Sánchez López.
2. Recoñecemento á paciencia : Lucas Vázquez Sueiro.
A entrega de premios realizada no Mesón A Ponte de Melide realizouna por parte da Asociación Manuel Pardo, vogal de Deportes; e a concelleira de Cultura e Deportes, Ana Mosteiro Sánchez. Alén de os campións, a Asociación tamén cumprimentou en forma de material a todos os participantes. Rematada a entrega de trofeos e agasallos o Tesoureiro da Asociación, Jesús Pampín, obsequiou á concelleira cun cadro da Ponte Vella de Furelos en agradecemento polo apoio prestado e a súa presencia no decurso do campionato.
Ademais, a directiva da Asociación de Troiteiros “Río Furelos” aprobou facer coincidir este campionato coa realización dunha homenaxe aos asinantes da acta de constitución da Asociación o 3 de xuño de 2005 e a primeira directiva xurdida daquela asemblea constituínte:
Presidente: Xabier Pazo Blanco.
Vicepresidente: Jorge Pazo Sánchez.
Secretario: Jesús Ángel Iglesias Vázquez.
Vicesecretario: Carlos Lamas Rodríguez.
Tesoureiro: Jesús Ramón Pampín Fuciños.
Vogais: José Luis Mosteiro Arias, Manuel López Río e Felipe Cores Mosquera.
Publicidade
Mención honorífica
Con motivo de se cumprir 20 anos da sinatura da acta de constitución da Asociación de
Troiteiros “Río Furelos”, o presidente Xabier Pazo Blanco foi homenaxeado en recoñecemento polo seu compromiso co Furelos e os valores medioambientais. A entrega do cadro e o diploma de tal recoñecemento foi acompañado polos asistentes cunha cerrada ovación e momentos de moita emoción.
A directiva da Asociación de Troiteiros “Río Furelos” manifesta a satisfacción polo impecable desenvolvemento do campionato, o extraordinario comportamento dos participantes e a profesionalidade dos xuíces que controlaron todo o proceso. En nome da Asociación, o seu presidente, Xavier Pazo Blanco, parabenizou os gañadores e a todos os que, dun ou outro xeito, se implicaron nesta xornada. Asemade agradeceu, máis unha vez, o apoio de institucións, empresas e particulares que colaboraron na organización desta nova edición do evento.
Comments