Adega: "Decálogo de realidades fronte ás trolas de Altri"
- ecosdacomarca
- 8 abr
- 4 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
A organización ecoloxista ADEGA lanza un decálogo de "realidades fronte aos nesgos e falsidades difundidos pola promotora de Altri". "A macrocelulosa proxectada en Palas de Rei constitúe un proxecto industrial altamente contaminante e depredador do territorio que tanto Altri coma Greenalia envolven en promesas de sustentabilidade, economía circular e creación de emprego". Como resposta, o seguinte:
TROLA 1: "Non somos unha macrocelulosa e fabricaremos só fibras solubles para a industria téxtil". REALIDADE: ·Altri é unha macrocelulosa desde o momento no que ocuparía 366 hectáreas de terreo, 8 veces o tamaño da celulosa de Pontevedra e 9 veces o tamaño da celulosa de Navia. Fabricaría 400.000 toneladas de celulosa (pasta soluble DWP) e 200.000 t de lyocell ao ano".
TROLA 2: "Utilizaremos só eucalipto xa existente en Galiza". REALIDADE: "Non sería posible abastecer a nova fábrica sen incrementar a área ocupada por plantacións de eucalipto en Galiza (entre 80.000 e 190.000 hectáreas adicionais, que se engadirían ás 600.000 actuais en masas puras e mixtas) ou sen importar un volume considerable de madeira".

TROLA 3: "O motivo polo que queremos instalarnos en Galiza non é que en Portugal non nos queiran". REALIDADE: "Altri recoñeceu publicamente que inviste en Galiza por falta de eucaliptos en Portugal para a súa industria, logo das restricións ás plantacións que se impuxeron no país veciño tras a vaga letal de incendios en 2017; e polas facilidades prestadas pola Xunta".
TROLA 4: "Non destruiremos a contorna natural. Crearemos un cinto verde de especies autóctonas e unha área de compensación de especies protexidas". REALIDADE: "Destruirán unha contorna natural única. A industria proxéctase ás portasda ZEC Serra do Careón e nunha zona de ampliación da Rede Natura. Non é viable ningunha proposta compensatoria ou paliativa mediante translocación de especies ameazadas e endemismos. Se o solo non reúne exactamente a mesma estrutura de onde se deron inicialmente, estas especies serán desprazadas por outras máis competitivas. Calquera actuación de translocación comporta en si mesma unha ameaza".
TROLA 5: "Somos compatibles con selos de produción ecolóxica". REALIDADE: "A calidade do produto baixará, e existe risco de rexeitamento das persoas consumidoras perante un produto ecolóxico procedente dos arredores da celulosa".
TROLA 6: "Non consumimos auga". REALIDADE: "Altri faría un uso consuntivo da auga, xa que non devolvería toda a captada, nin nas mesmas condicións nin no mesmo lugar de onde a extraería. Precisaría 46 millóns de litros/día, pero vertería só entre 12 e 30 millóns, de maneira que consumiría entre 16 e 34 millóns (máis que Compostela ou A Coruña, respectivamente)".
TROLA 7: "A lexislación impide que un proxecto industrial europeo dane a saúde. As emisións de partículas están moi por baixo do que esixe a normativa". REALIDADE: "Altri omite boa parte dos seus contaminantes. Non cuantifica as emisións de partículas finas PM 2.5, problemáticas para a saúde pública e o medio ambiente; nin de dióxido de carbono e monóxido de carbono. As súas emisións son superiores ás de Ence-Pontevedra e ás do conxunto das celulosas do Estado. Sorprendente que unha celulosa de nova instalación vaia contaminar máis ca plantas antigas!".
TROLA 8: "As cifras sobre os postos de traballo, 500 directos e 2.000 indirectos, nunca variaron". REALIDADE: "O 29 de decembro de 2022, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mentres anunciaba a declaración da celulosa como “proxecto industrial estratéxico”, falou de 2.500 postos directos".
TROLA 9: "O proxecto industrial é o mesmo desde a orixe". REALIDADE: "O baile de cifras sobre produción foi constante. Inicialmente, produciría ao ano 250.000 toneladas de celulosa e 60.000 de lyocell. En febreiro de 2022, Altri falaba de 200.000 t de celulosa e 100.000 t de lyocell. En setembro dese mesmo ano, revisou as cifras: 200.000 t de celulosa e 60.000 t de lyocell. E finalmente, Altri podería fabricar ata 400.000 t de celulosa e 200.000 t de lyocell para industria téxtil ao ano".
Publicidade
TROLA 10: "Non afectará o turismo nin o Camiño de Santiago". REALIDADE: "O propio ICOMOS-España (comité español desta ONG ligada á ONU a través da UNESCO) alertou sobre o “forte impacto” da industria “na paisaxe que define a ruta xacobea” e os seus elementos arquitectónicos".
Informe Altri. Celulosa do século XX para o XXI
"Falsidades e nesgos coma estes", subliña ADEGA, "desmóntanse a través do libro "Informe Altri. Celulosa do século XX para o XXI", editado por ADEGA e autoría do doutor en Bioloxía, expresidente de ADEGA e referencia no ecoloxismo galego, Ramón Varela". "Ao longo de 120 páxinas, Varela demostra, en base a análises comparativas con outras celulosas de Galiza, do Estado e de Europa, que o Proxecto Gama de Altri e Greenalia constituiría unha das celulosas con maiores impactos sobre o aire, a terra e a auga de Galiza".
Esta publicación, que segue á venda e pode reservarse nesta ligazón, ten como obxectivo favorecer unha opinión crítica da veciñanza directamente afectada e do conxunto da poboación galega en torno ao proxecto de implantación desta factoría.
Comments