top of page
Foto del escritorLaura Moure

Abel Losada anuncia a redacción do proxecto para a mellora da conexión da AP-53 coa N-525 en Lamela

Laura Moure/Silleda

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, visitou Lamela, ao pé da saída da AP-53, para anunciarlle á alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, que as xestións iniciadas polo Concello para mellorar a ligazón entre esta saída e a estrada N-525, deron froitos co anuncio por parte da Dirección Xeral de Estradas da redacción dun proxecto. A visita produciuse sobre o terreo, onde se comprobou o impacto favorable que terá esta mellora, pois a ligazón entre a saída da autoestrada e a estrada nacional discorre por viarios municipais cunha sección completamente insuficiente.

Abel Losada felicitou a Paula Fernández por impulsar esta actuación aproveitando a súa dobre condición de alcaldesa de Silleda e deputada no Congreso e coincidiu en que vai supoñer unha importante mellora na calidade do servizo que se presta a toda a veciñanza de Silleda, que gozará dun acceso moito máis apropiados, pero tamén para a propia veciñanza de Lamela, que ata o de agora soporta os problemas que xera o tráfico por uns viarios insuficientes.


Paula Fernández explicou que esta actuación foi primeiro proposta na propia sede da Subdelegación do Goberno, en Pontevedra, aos responsables da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e a continuación “traballada” durante meses co propio Ministerio de Transportes, “todo o é co obxectivo de atopar unha alternativa viable que responda as demandas da zona sen causar as afeccións que xeraban propostas anteriores”. “Debo agradecer o ambiente de diálogo e cooperación que atopei en todas as instancias”, subliñou a alcaldesa.


Publicidade  

A ligazón proposta atópase ao sur do actual acceso e ofrece unha conexión máis directa e fluída, evitando o paso entre as vivendas e solucionando os problemas de sección e firme da pista existente. O deseño final coñecerase cando estea elaborado o proxecto que o Ministerio xa confirmou que vai poñer en marcha. Xa hai unha primeira valoración por parte da Demarcación de Estradas en Galicia e agora toca esperar a que finalice o traballo técnico.


Peaxes da AP-53

Por outra banda, Abel Losada celebra o anuncio por parte do ministro Óscar Puente de que na primeira parte do ano próximo entrará en vigor o esquema de bonificacións da AP-53, replicar o exitoso modelo posto en práctica na AP-9, ou sexa, a bonificación dun 75% do importe das peaxes para as persoas usuarias recorrentes e dun 50% para os usuarios ocasionais. O subdelegado indicou que “isto é o que lle importa realmente á xente, máis aló de polémicas artificiais sobre a AP-9 con claro aroma partidista e impulsadas, curiosamente, polos mesmos que prorrogaron a concesión da AP-9 ata o ano 2048”.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Losada destaca que na AP-53 había “unha discriminación evidente e débese tamén ás malas decisións tomadas no pasado por outros gobernos moi distintos o actual, que avoga pola recuperación das concesións que caducan e por amortecer o impacto das peaxes nas que aínda teñen un percorrido temporal por diante”. O subdelegado lembrou que o Goberno que preside Pedro Sánchez vai destinar 7,6 millóns de euros para financiar as bonificacións na AP-53 e subliñou que se trata dunha razón máis para apoiar os Orzamentos Xerais do Estado para 2025, polo que se mostrou “convencido” de que os representantes de Deza nas Cortes Xerais votarán a favor deses Presupostos para 2025: “Paula Fernández vai votar a favor, sen ningunha dúbida, e supoño que o alcalde de Lalín, diante desta novidade tan importante para o seu concello e toda a comarca, tamén”.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page