Vestir varias capas de roupa lixeira, protexer a cabeza, as mans e os pés; e beber líquidos quentes e azucrados son algúns dos consellos da Consellería de Sanidade
Laura Moure/Xeral
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, traslada á poboación recomendacións para reducir ou evitar o impacto negativo das baixas temperaturas no organismo, especialmente, na poboación máis vulnerable. Así, e segundo as comunicacións do Ministerio de Sanidade, Galicia atópase en alerta por baixas temperaturas. En concreto, a provincia de Pontevedra está en nivel 3 e a de Ourense en nivel 2.
Debido ao descenso das temperaturas durante estes días, a Consellería de Sanidade traslada un conxunto de recomendacións para previr os efectos negativos desta onda de frío. En canto a vestimenta, aconséllase empregar roupa lixeira, non apertada e que transpire, empregando varias capas de roupa lixeiras superpostas en lugar dunha soa de tecido groso.
Débese prestar especial atención á protección da cabeza, o pescozo, os pés e as mans, porque son as zonas máis sensibles e de maior perda de calor. Empregarase, ademais, roupa de abrigo resistente ao vento e á humidade, e calzado impermeable e antiescorregadiza. Ademais, procurarase permanecer seco, xa que a roupa mollada arrefría o corpo rapidamente.
No caso de ter que realizar un traballo físico baixo o frío, deberá facerse con precaución, suavemente, procurando non esgotarse, especialmente se se sofre algunha doenza de tipo cardiorrespiratorio ou hipertensión.
Así mesmo, recoméndase respirar polo nariz e non pola boca, xa que o aire quéntase ao pasar pola fosas nasais, e así diminúe o frío que chega aos pulmóns. Ademais, é convinte beber líquidos quentes e azucrados, salvo contraindicación médica, e evitar as bebidas alcohólicas.
Por outra banda, débense extremar as precaucións no caso de que haxa xeo na rúa, para evitar caídas que poden producir fractura de cadeira ou doutros ósos.
Publicidade
Desde a Consellería de Sanidade remárcase a importancia de manter o contacto coas persoas consideradas máis vulnerables, a través de chamadas ou visitas, para valorar a súa situación concreta e previr efectos graves das baixas temperaturas.
No caso de ser necesario, a poboación pode consultar co persoal sanitario de referencia, chamando ao 061 ou o 112.
Máis información na páxina web de calidade do aire, cambio climático e saúde da Dirección Xeral de Saúde Pública (https://airesaude.sergas.gal/)
Comments