Laura Moure/Agolada
O titular do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, informou este venres da aprobación por parte do Consello da Xunta da segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica, o que eleva a preto de 500 M€ o investimento en obras de mellora en centros educativos do Goberno galego ao abeiro desta folla de ruta. O investimento inicial para o período 2025-28 é de máis de 267 M€, que se suma aos 230 M€ executados entre 2021 e 2024 con intervencións “practicamente no 100 % dos centros”. Entre estas das comarcas figura o de Agolada.
Tal e como explicou o presidente da Xunta, neste marco está previsto construír novos centros e ampliar aqueles onde é necesario, ademais de acometer rehabilitacións integrais ou cambios de cuberta. Tamén se executarán actuacións de enerxías renovables e numerosas obras de mediana e pequena envergadura como instalación de ascensores ou renovación de aseos, entre outros.
Hoxe mesmo a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP anticipa xa a licitación “por 15 M€ aproximadamente unha trintena de obras en centros educativos”, que se executarán grazas aos orzamentos de 2025 xa aprobados.
Modelo pioneiro
A segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica consolida un investimento sen precedentes nun dos parques inmobiliarios máis grandes da Xunta de Galicia, o dos centros educativos, integrado por arredor de 1.600 edificios. Ao mesmo tempo avánzase cara a un novo modelo de centros de ensino, pioneiro, con instalacións adaptadas ás necesidades do ensino do século XXI, máis flexibles e versátiles. Apóstanse tamén por colexios e institutos máis respectuosos co ambiente desde o punto de vista do consumo enerxéticos e da súa integración na contorna.
Publicidade
Necesidades demográficas e formativas
Nesta segunda fase construiranse ou ampliaranse case medio cento de centros educativos, cun orzamento total de máis de 117 M€. Entre eles, Rueda destacou a construción de algúns como “o novo Colexio CEIP do Milladoiro ou o novo instituto IES Domingo Villar de Navia (Vigo) e o do Pereiro de Aguiar”. Nos últimos catro anos acometeuse a construción e ampliación de 30 centros, cun importe total de máis de 67 M€.
A creación de novos centros e as ampliacións non só dan resposta ás necesidades de incrementar prazas en determinados concellos con necesidades demográficas ou formativas, senón que tamén atenden ao crecemento da matrícula de FP nos últimos anos.
Neste sentido, están xa comprometidas ampliacións como aos dos centros integrados de FP CIFP Imaxe e Son e Paseo das Pontes e do Instituto IES Agra do Orzán, na Coruña; do CIFP Fraga do Eume (Pontedeume), do CIFP Ferrolterra, en Ferrol, e dos CIFP A Farixa e A Carballeira-Marcos Valcárcel, en Ourense. Tamén do IES Ramón María Aller Ulloa, en Lalín. Ademais, estase xa traballando nas reformas dos CIFP Manuel Antonio e Valentín Paz Andrade, ambos en Vigo.
Avanzar na eficiencia enerxética
Por outra banda, están previstas 134 actuacións de rehabilitación de centros, co principal obxectivo de mellorar a súa eficiencia enerxética, cun investimento estimado de 89 M€. Trátase de obras que abranguen illamento térmico de fachadas, cambio de cubertas, renovación de fiestras ou colocación de luminarias led, entre outras. No período 2021-24 acometéronse 241 destas intervencións, cun importe de máis de 103 M€.
Así mesmo, seguirase avanzando en dotar os centros educativos de instalacións de enerxías renovables, intervencións cun investimento de máis de 5M€, incluíndo tanto instalacións fotovoltaicas como de biomasa. Na primeira fase do plan executáronse 81 destas actuacións, cun investimento de 6,7M€. Ademais, achegaranse máis de 6 M€ para case unha vintena de melloras varias en centros de ensino, que se engaden ás 24 obras desta tipoloxía incluídas na primeira fase do plan, cun investimento de case 5,7 M€.
Publicidade
A estas grandes obras, máis de 200 intervencións, sumaranse outros preto de 50 M€ en actuacións de pequena e mediana envergadura, que adoitan concretarse ano a ano para executalas de xeito preferente no verán. O seu obxectivo é mellorar as instalacións dos centros e os seus servizos e inclúen traballos de pintura, melloras de accesibilidade ou reformas en patios, entre moitas outras. Nos últimos catro anos desenvolvéronse 2.273 destas obras cunha inxección de 46,8M€.
Máis de 15 M€ no arranque
A segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica arranca xa hoxe coa licitación, por anticipado de gasto, dunha trintena de novas obras por máis de 15 M€. Estas actuacións contan xa con partidas suficientes consignadas nos orzamentos de 2025 e son as que se reflicten no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/008582/rueda-destaca-investimento-preto-500-obras-mellora-centros-educativos-abeiro
Kommentare