José González explicou que os fondos servirán para financiar o futuro edificio de servizos integrados da Consellería, que albergará a Oficina Agraria Comarcal, e para crear unha nova base de helicópteros na localidade
Laura Moure/Lalín
A Consellería do Medio Rural investirá case 8,8 millóns de euros en diferentes actuacións no municipio de Lalín para mellorar as súas infraestruturas e os servizos que se prestan á cidadanía. Así o anunciou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, quen visitou xunto ao alcalde de Lalín, José Crespo, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e ao delegado territorial da Xunta, Luis López, a nave do polígono de Botos que acollerá un taller para vehículos contra o lume de toda Galicia.
Neste acto, o conselleiro avanzou que “hoxe mesmo” solicitouse a licencia para comezar as obras do futuro edificio de servizos integrados da Consellería nesta localidade, que albergará a Oficina Agraria Comarcal, e sinalou que esta iniciativa suporá un investimento de 3,7 millóns de euros ata 2025. Uns fondos que, engadiu o conselleiro, permitirán a esta comarca do centro de Galicia contar cuns equipamentos “á altura do peso que o agro ten nestas terras”.
Ademais, o titular de Medio Rural explicou que as contas do seu departamento destinarán outros 3,8 millóns de euros para crear unha nova base de helicópteros para a loita contra os incendios forestais en Lalín. Nesta partida tamén se inclúen as melloras a realizar na base de San Xoán de Río, na provincia de Ourense. No caso de Lalín, José González puxo en valor a súa situación “estratéxica”, que fai que sexa o lugar ideal para construír esta nova infraestrutura.
A centralidade deste municipio
Nesta liña, González salientou que precisamente esa “centralidade” de Lalín é o que facilita tamén a reforma -na que se está traballando- dunha nave no polígono industrial de Botos que se destinará a crear un taller mecanizado para vehículos (todoterreos e motobombas) da Dirección Xeral de Defensa do Monte, a nivel galego. Así mesmo, está proceso a construción dun almacén loxístico para material deste mesmo departamento. Todo iso, cun investimento doutros 1,3 millóns de euros, que permitirán ademais habilitar un punto de encontro para as brigadas do distrito forestal XVI Deza-Tabeirós.
O conselleiro enmarcou estas actuacións en Lalín dentro do “esforzo orzamentario sen precedentes” de 675 millóns de euros que integran os orzamentos da Consellería para o 2023 e que rexistrarán un aumento do 5,12 % respecto ao presente exercicio. Uns recursos que servirán, indicou José González, “para impulsar o rural galego e consolidalo como lugar no que vivir e traballar e, en definitiva, para facer Galicia rural”.
Comments