top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética no campo de fútbol ‘O Camballón’ en Vila de Cruces

As obras contaron cunha achega de 48.000 euros do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, dotado con 5 millóns de euros e que beneficiou un cento de concellos


Laura Moure/Vila de Cruces

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o campo de fútbol O Camballón, en Vila de Cruces, para comprobar as melloras de eficiencia enerxética realizadas co apoio do Goberno galego. As obras contaron cunha achega de 48.000 euros do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, dotado con 5 millóns de euros e que beneficiou un cento de administracións locais en 2024.


As melloras centráronse no sistema de acumulación de auga quente, coa instalación dunha bomba de aerotermia, no sistema eléctrico e na carpintería exterior, co cambio das portas dos vestiarios.

Segundo sinalou a directora xeral, os obxectivos das obras son favorecer o aforro enerxético e asegurar o máximo confort na práctica da actividade deportiva. Natalia Prieto incidiu na importancia das infraestruturas deportivas municipais no fomento do deporte entre a poboación, polo que neste ano na convocatoria de axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local se lles deu prioridade ás melloras nestas instalacións.


Así, indicou que a través desta medida e das axudas da Secretaría Xeral para o Deporte a Xunta impulsou o pasado ano obras en 400 infraestruturas deportivas de toda Galicia, tanto de titularidade autonómica como municipal, cun investimento de 22 millóns de euros.

Canto ao fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, a directora xeral lembrou que ten como obxectivo específico atender as necesidades dos concellos de menor poboación, para garantir a mellor calidade na prestación de servizos municipais a toda a poboación galega, con independencia do lugar de residencia. Concretamente esta liña de axudas destinada a melloras enerxéticas en infraestruturas municipais beneficiou en 2024 case un cento de administracións locais, 19 delas na provincia de Pontevedra.


As obras no campo de fútbol do Camballón forman parte do conxunto de actuacións impulsadas polo concello de Vila de Cruces que contaron co apoio da Xunta a través das distintas liñas de axudas ás administracións locais. Neste marco de actuación o Goberno galego investiu nos últimos anos case 1,5 millóns de euros neste municipio, segundo apuntou Natalia Prieto.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Investimento de 32M€ en toda Galicia

No conxunto de Galicia, as distintas medidas de apoio da Xunta aos concellos impulsaron en 2024 preto de 700 proxectos municipais a prol de mellores instalacións e servizos cun orzamento de 32 millóns de euros.


A directora xeral destacou que o compromiso autonómico cos concellos a prol da eficiencia enerxética se reforzou ademais nos anos 2024 e 2025 coa nova orde plurianual destinada a financiar estas melloras nas instalacións municipais. A convocatoria conta cun orzamento superior aos 5,2 millóns de euros cofinanciados con Fondos Feder e beneficiou a medio cento de concellos.


A estas liñas súmanse cada ano o Fondo de Compensación Ambiental, ao que a Xunta destina máis de 11 millóns de euros para apoiar os concellos nas melloras da contorna natural e da eficiencia, e a Orde de infraestruturas de uso público, que conta con 3,5 millóns de euros para a creación ou mellora de instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos  municipais.

0 comentarios

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page