Ecos da Comarca/Melide
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, clausurou este xoves en Santiago de Compostela a acción formativa Crea a túa marca explorando na súa identidade organizada desde o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Melide. Alí, puxo de relevo que este centro inaugurado en novembro pasado leva atendido arredor de 80 proxectos, un 55% impulsados por mulleres.
Entre as iniciativas empresariais que pasaron polo centro melidense destacan as relacionadas cos servizos, seguidas das de hostalaría, actividades sanitarias e de servizos sociais. Coas persoas emprendedoras que acudiron ao Polo realizáronse máis de 230 titorías, máis da metade de xeito telemático.
Publicidade
En canto ás actividades, téñense producido 15 reunións con entidades do territorio e media ducia de eventos e accións como a organizada hoxe, centrada -neste caso- na importancia de deseñar unha estratexia de comunicación e posicionamento de marca.
Publicidade
En concreto, no acto que tivo lugar hoxe en Santiago presentáronse diferentes proxectos de persoas emprendedoras ás que se lles trasladaron nocións sobre desenvolvemento de marca persoal; arquetipo, rol e ton de voz da marca e o valor do uso da intelixencia artificial no deseño desa marca. Así mesmo, tivo lugar un obradoiro de xeración de ideas a través de mesas de traballo en conxunto coa exposición final dos resultados obtidos.
Cómpre engadir que no conxunto da provincia da Coruña, a Rede de polos de emprendemento leva atendido máis de 560 proxectos empresariais, a través do centro melidense pero tamén dos establecidos en Coristanco e Ferrol.
Comentários