A Xunta, Fegamp e Seaga asinan un novo convenio para a prevención de incendios forestais por 12,25 M€
- ecosdacomarca
- hace 2 días
- 3 Min. de lectura
Ten como finalidade a xestión da biomasa na rede de faixas secundarias, as máis próximas ás vivendas
Ecos da Comarca/Xeral
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asinou esta semana un novo convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela; e coa directora-xerente da empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, Luisa Piñeiro; co que se segue a afondar na cooperación en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais a través dun orzamento de 12,25 millóns de euros para este ano.
Na sinatura, á que tamén asistiu o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, a conselleira do Medio Rural puxo en valor a importancia desta colaboración entre administracións para garantir a prevención fronte aos incendios forestais, de modo que se acade a diminución de lumes nas zonas de interface urbana. Os concellos que así o desexen, poderán adherirse a este novo convenio que dá continuidade ao asinado no ano 2018 e cuxa vixencia finalizou en 2024.

Este novo acordo está dotado cun orzamento de 12.250.000 euros, dos cales 7,75 millóns son aportados pola Consellería e os 4,5 restantes por parte do Fondo de Cooperación Local, correspondente ás entidades locais para levar a cabo as actuacións no marco do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, as máis próximas ás vivendas. A súa vixencia será ata o 31 de decembro de 2025, con posibilidade de prórroga, como así o explicou a conselleira.
Actuacións do convenio
María José Gómez detallou tamén as actuacións obxecto deste convenio, que son a colaboración técnica para a revisión ou modificación do plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, e a cooperación entre a Administración autonómica e os concellos para o exercicio das competencias destes últimos en materia de execución subsidiaria das obrigas da xestión de biomasa e para a retirada de especies arbóreas prohibidas.
Publicidade
Neste sentido, engadiu, a través deste acordo poderanse acometer actuacións de xestión da biomasa derivada da tramitación de procedementos de execución subsidiaria, ata un máximo de 10 hectáreas por concello e ano; actuacións en vías de titularidade municipal, cun máximo de 12 quilómetros por concello e ano; apoio técnico nos labores de inspección de parcelas para verificar o cumprimento das obrigas; colaboración no envío de notificacións ou na publicación no BOE e DOG dos incumprimentos detectados na inspección de parcelas; e a execución de actuacións preventivas planificadas pola Dirección Xeral de Defensa do Monte distintas das derivadas dos plans municipais.
A maiores, resaltou que nas parroquias priorizadas recoñecidas dentro dos concellos que se adhiran ao convenio, a Administración autonómica prestará servizo aos propietarios para a formalización de contratos de xestión de biomasa. Todas estas tarefas serán levadas a cabo a través de Seaga.
Publicidade
Valor da cooperación entre administracións
A conselleira do Medio Rural aproveitou a ocasión para poñer en valor a importancia da colaboración entre administracións, amosada no anterior convenio de xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias, ao que se adheriron un total de 288 concellos -o que representa o 92% dos municipios totais-.
Neste sentido, salientou que a través deste convenio, entre os anos 2021 e 2024, inspeccionouse o estado de xestión da biomasa en 2.337.790 parcelas, o que supuxo unha superficie de 171.389 hectáreas.
Por último, reafirmou a aposta do Goberno galego pola prevención e trasladou o seu agradecemento polo labor que desempeña o persoal que forma parte do dispositivo de loita contra os incendios forestais na nosa comunidade, ao mesmo tempo que apelou á responsabilidade e compromiso da poboación nesta materia.
Comments