A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas achega o 31 % do orzamento, preto de 260.000 €, completando o financiamento da Deputación Provincial de Pontevedra
Laura Moure/Lalín
O Consello da Xunta vén de informar este luns da colaboración co Concello de Lalín na construción do edificio polivalente de Carragoso, que suporá un investimento total que rolda os 820.000 euros. O Goberno galego ten como obxectivo contribuír ao financiamento deste novo equipamento no municipio dezá, co que o Concello de Lalín dotará o núcleo de Carragoso dun novo edificio sostible e intelixente, que impulse a cohesión territorial dunha zona de carácter residencial e agrario, funcionando como elemento dinamizador do desenvolvemento social e cultural desta zona.
En relación ás obrigas dispostas nesta colaboración, a Xunta, a través da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, contribuirá a esta intervención cun investimento de preto de 260.000 euros, o que representa o 31,67 % do orzamento total. No impulso deste proxecto subvencionado pola Administración autonómica engádese a achega da Deputación Provincial de Pontevedra, que completa o financiamento da intervención proxectada. Pola súa banda, o Concello de Lalín asume a redacción do proxecto, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a construción do edificio polivalente de Carragoso, así como da contratación, execución, dirección e control das obras.
O proxecto proposto trata de executar un edificio de nova construción no que se adoptan solucións con materiais modulares para reducir os residuos e a utilización de materiais que se poden reciclar. Desta forma diminúese o CO2, redúcese o consumo de auga e o impacto ecolóxico. Ademais, utilízanse enerxías renovables, tales como paneis fotovoltaicos, bomba de calor xeotérmica. O sistema de ventilación permite un aforro de enerxía e mellora da eficiencia enerxética da edificación, así como o confort e a vida saudable dos usuarios.
Publicidade
Esta colaboración co Concello de Lalín, pola súa finalidade, forma parte dunha das 19 principais liñas de acción da Xunta, de realización de actuacións de mellora de contornas urbanas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial. Os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como peza dinamizadora de desenvolvemento social e cultural da sociedade e son, ademais, elementos estruturais na contorna urbana.
A execución destas obras enfocadas a mellorar o espazo público tendo en conta as necesidades de utilización e a súa relación coa mellora da contorna, o ambiente e a calidade de vida, enmárcase así nas medidas e liñas de colaboración coas que o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio. O convenio acordado polo Executivo autonómico, que permitirá acometer e incorporar ao patrimonio público municipal as actuacións, estará vixente ata o 31 de decembro de 2025.
コメント