top of page

A Xunta colabora con Monterroso na rehabilitación da área recreativa da Peneda ao abeiro do Plan Hurbe

O ente autonómico, a través da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, asume o 70% do orzamento, que supera os 206.000 euros, contratará e executará as obras


Laura Moure/Monterroso

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou onte co alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, o acordo de cooperación que posibilitará as obras de rehabilitación da área recreativa da Peneda, que suporán un investimento en torno aos 295.000€. Ao acto no Concello de Monterroso asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

A actuación enmárcase no Plan Hurbe, promovido polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, e neste caso o obxectivo é mellorar as condicións de confort dos usuarios da área recreativa, así como as súas condicións de funcionalidade e integración paisaxística. En concreto, están enfocadas a mellorar a accesibilidade do recinto e da envolvente térmica do espazo de cafetería.


Segundo destacou a conselleira, porase en valor esta emblemática área de lecer con piscinas ao carón do río Ulla, que serve de lugar de esparexemento da veciñanza e tamén dos visitantes que pasan por este concello, un dos lugares polos que discorre o Camiño Francés a Santiago. A previsión é, segundo explicou, que as obras poidan comezar a finais deste ano e estar rematadas para maio de 2025.


Publicidade

M. Allegue destacou “a colaboración institucional” co Concello de Monterroso e a súa aposta por mellorar as dotacións públicas con este primeiro Plan Hurbe para o municipio.

“Unha colaboración -sinalou- que se enmarca no obxectivo de lograr unha Galicia con espazos urbanos pensados para o goce e o benestar da veciñanza. Apostamos pola humanización e rehabilitación dos nosos núcleos de poboación con estes convenios”.

O Goberno galego cofinanciará nun 70% as actuacións previstas, achegando un investimento que supera os 206.000 euros, contratará e executará as obras. O Concello de Monterroso achegará o 30% restante do custe das actuacións, algo máis de 88.000 euros; redactará o proxecto das obras, realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.


As actuacións

Na actualidade a cafetería da área recreativa da Peneda está en uso, pero non dispón de elementos exteriores de sombra e elementos prefabricados adecuados á contorna, tanto pola súa cor como polo seu deseño e material. Ademais, o acceso peonil atópase moi deteriorado, presentado desniveis e irregularidades que dificultan a accesibilidade; e a zona exterior de aparcamento tampouco está acondicionada.


Publicidade

Coas obras previstas,  procederase á rehabilitación da cafetería, na que se pretende mellorar a súa envolvente térmica e realizar pequenos axustes na distribución interior, modernizando as instalacións e os acabados. Así mesmo, está proxectada a instalación dunha pérgola e unha pequena construción de uso estacional no espazo anexo á edificación. Tamén se prevé a urbanización dos accesos peonís.


0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page