Ecos da Comarca/Boimorto
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar por 235.559,99 euros as obras de humanización da rúa da Sobreira e da Gándara, no lugar de Vilanova, no concello de Boimorto. A actuación, adxudicada á empresa Cosmalca S L impúlsase ao abeiro do chamado Plan Hurbe, que promove a Xunta co obxectivo de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas.
As intervencións obxecto do contrato que se vén de adxudicar consistirán na execución de beirarrúas en ambas as marxes da rúa Sobreira, previa ampliación do viario existente; e na construción de 42 metros lineais de beirarrúa de 1,80 m de ancho na Gándara.
En concreto, na rúa Sobreira, trátase de habilitar beirarrúas que contarán cunha lonxitude duns 175 metros na marxe esquerda, e duns 120 metros pola marxe dereita e disporán dun ancho libre de paso de 1,80 metros. A execución das beirarrúas suporá a ampliación do ancho do viario e nas zonas verdes das novas beirarrúas prevese a plantación dun total de 11 magnolios con cepellón.
Ademais, baixo as novas beirarrúas da marxe esquerda prevese a canalización de rede de saneamento de fecais, e en ambas marxes contémplase a canalización para a recollida de augas pluviais cos correspondentes pozos e sumidoiros e a instalación de rede de iluminación pública.
Publicidade
Nesta rúa Sobreira, tamén se prevé o soterrado das redes de distribución eléctrica de baixa tensión e da telefonía, en ambas marxes da rúa. Así mesmo, debido á nova configuración da rúa, será preciso cambiar o emprazamento dos colectores de lixo existentes, que na actualidade se localizan nunha parcela de titularidade privada. Completarán a obra a sinalización horizontal e a adaptación de pozos e arquetas existentes á nova rasante.
A intervención na Gándara consistirá na execución de 42 metros lineais de beirarrúa de 1,80 metros de ancho, previa canalización da tubaxe de iluminación pública. Completaranse os traballos coa reposición do pavimento afectado e a adaptación de pozos e arquetas existentes á nova rasante.
Publicidade
Estas actuacións enmárcanse nun convenio de colaboración asinado entre a Xunta, que asumirá o 70% do orzamento desta intervención; e o Concello de Boimorto, que achegará o 30% restante. As intervencións suporán un investimento global que rolda os 285.000 euros.
Comments