Benefícianse desta liña, dotada con 265.000€, centros que dependen tanto de administracións municipais como de entidades sen ánimo de lucro
Laura Moure/Xeral
A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia do día 7 de xaneiro a resolución pola que se conceden as axudas dirixidas a escolas de música públicas e privadas dependentes de concellos e de institucións sen ánimo de lucro. En total a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina 265.000 euros a estas subvencións, das que este ano se benefician 78 escolas de 67 concellos de toda a xeografía galega, nas que estudan case 12.200 alumnos. Entre elas figuran varias das comarcas.
A convocatoria establece dúas categorías, unha para escolas de música públicas dependentes dos concellos e outra para as que dependan de institucións sen ánimo de lucro. En ambos os casos, os centros debían estar incluídos no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.
O obxectivo desta convocatoria é potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música non regradas, dirixidas ao público en xeral, e prestarlles apoio ás iniciativas para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas por parte, tanto dos concellos como das entidades sen ánimo de lucro que teñen entre os seus fins a formación musical.
Non en balde, este tipo de escolas funcionan como canteira para a formación de afeccionados e nas súas instalacións prepárase ao alumnado para as probas de acceso aos estudos conducentes á titulacións oficiais de Música.
Na primeira categoría concédense axudas por un importe total de 100.000 euros a 42 escolas. Das comarcas figuran nesta categoría a Escola de Música Municipal de Silleda (Con 227 alumnos recibe 3.727,42 €) e a Escola de Música Municipal de Vila de Cruces (Artística de Merza) (con 88 alumnos recibe 1.444,99 €).
Cabe mencionar que a Escola de Música Municipal de Arzúa quedou excluída por falta de achega de certa documentación.
Publicidade
Na segunda categoría outórganse axudas por importe de 165.000 euros a 36 escolas e das comarcas serán beneficiarias a EMUSPR de Agolada (con 98 alumnos recibe 2.757,65 €), EMUSPR Banda de Lalín (con 102 alumnos recibe 2.870,21 €), EMUSPR Escola de Música de Vilatuxe (Lalín) (con 143 alumnos recibe 4.023,92 €) e a EMUSPR de Visantoña (Santiso) (con 75 alumnos recibe 2.110,45 €).
Os interesados poden consultar todas as beneficiarias no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/008747/xunta-adxudica-axudas-78-escolas-musica-67-concellos-nas-que-estudan-12-200-alumnos
Comments