top of page
Foto del escritorLaura Moure

A xornalista silledense Mónica Ares Gómez, elixida (IN) Visible do mes de decembro

Con esta veciña de Carboeiro, gañadora de dous premios Mestre Mateo, péchase a primeira edición do programa de Igualdade


Laura Moure/Silleda

A xornalista Mónica Ares Gómez vén de ser nomeada (IN) VISIBLE do mes de decembro, no que se conmemora o vindeiro o vindeiro sábado día 21 o día internacional da curtametraxe. Mónica Ares, licenciada en Xornalismo (da primeira promoción da Facultade de Ciencias da Información de Santiago), pecha así a primeira edición deste programa da Concellería de Igualdade de Silleda, que baixo o lema Doce meses, doce mulleres pretende visibilizar a pegada e o legado das mulleres na sociedade silledense.

Nada en Silleda e criada en Carboeiro de Francia, Mónica traballou moi de pequeniña axudando a seus pais, Digna e Manolo, nas labores do agro, ata ben entrada a súa etapa universitaria. Estudou EXB no Colexio Público de Silleda, e posteriormente BUP e COU no

Ramón María Aller Ulloa de Lalín. Empezou a súa vida laboral facendo prácticas na radio (garda bo recordo da SER onde aprendeu moito), pero logo entrou na TV, onde tivo a sorte de empezar de redactora no programa Tardes con Ana (Gestmusic).


Mónica foi directora de programas para a TVG e en varias produtoras. Entre os que recorda con máis cariño está Galegos no Mundo, da produtora Portocabo (Rapa, Hierro), a quen sempre estará moi agradecida porque non lle daría a vida enteira nin os cartos para coñecer o mundo que coñeceu se non fose traballando.


Publicidade  

Esta xornalista gañou tres premios Mestre Mateo. “O que máis feliz me facía, máis ca recibir un par de Mestres Mateo pola realización do programa, é que a miña nai podía dar unha volta a través das historias dos e das galegas que estaban fóra sen saír da casa, desde a cama, onde a vía a TV mentres mantivo a súa memoria. Era a única maneira que tiña de viaxar porque dedicou a vida enteira a coidar de vacas, de sogro, de sogra, de fillos e de marido, ademais, claro, da casa. O normal, vaia”, comenta sobre a súa nai, pola que interrompeu durante un par de anos a súa carreira cando estaba dirixindo outros programas como Oh happy Day ou O País máis grande do Mundo (tamén de Portocabo) para dedicarse ao seu coidado.


Volveu momentaneamente para dirixir programas que lle fixeron moi feliz como Polo Rego e Cos Pés na Terra (Filmax), revivindo un pouco a súa infancia en Carboeiro. Pero logo chegou outro impas na súa profesión no audiovisual cando tivo que atender a seu pai, xa viúvo, para intentar buscarlle os mellores coidados posible na súa casa. E cando atopou a xente axeitada volveu ao seu, agora cun traballo máis relacionado coa comunicación.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Mónica continúa conectada con Silleda e coa terra, e sempre agradecida ás persoas que lle permitiron saír dela “para quen sabe se un día volver”.


Con ela péchase este primeiro ciclo que se abria en xaneiro con Nieves Taboada, a muller máis lonxeva do municipio, con 106 anos, e que continuou con Flavia Fondevila (doutora en Biomedicina ); a artista Marisa Miguélez; Clara Otero (Física); a escritora María José Montero; a música Irene Fuentes; Erea Viz (Educadora Social e cooperativista); a fotógrafa Pilar Abades; a maestra Sara Asunción Fernández, e a emprendedora rural Virginia Colmeiro. Todas as traxectorias do programa poden verse na web municipal do Concello

de Silleda.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page