top of page

A Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia prestou protección a 649 vítimas da violencia en 2024

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

A actividade da UPA vese afectada pola continua redución de efectivos ao mesmo tempo que asumen un incremento progresivo de funcións



Ecos da Comarca/Xeral

A Unidade de Policía Nacional Adscrita (UPA) de Galicia prestou vixilancia e protección a 649 mulleres vítimas da violencia de xénero nas distintas xefaturas da unidade ao longo de 2024, un 10% máis que no ano anterior, segundo o informe anual elaborado polo corpo policial. Neste cómputo, ademais das 355 mulleres que se mantiñan activas no sistema de protección a 31 de decembro, inclúense as 227 que quedaron inactivas polo cese das circunstancias que motivaron o risco e as 67 traspasadas a outros corpos de seguridade por cambio de domicilio da vítima. 


Do total de mulleres atendidas durante o ano, 219 correspóndense coa xefatura de Vigo, 201 coa da Coruña, 85 coa de Santiago, 64 coa de Lugo, 45 coa de Ourense e 35 coa de Pontevedra. 

A UPA asumiu competencias na materia en setembro de 2016, tras asinar un protocolo de coordinación coa Xefatura Superior de Policía de Galicia que supuxo, entre outros aspectos, integrar o punto de coordinación das ordes de protección de Galicia co sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (Sistema Vioxén).


Posteriormente, os axentes recibiron formación específica, tanto teórica como práctica. As funcións que desenvolven os axentes pasan, fundamentalmente, por desprazar medios ante avisos de episodios de violencia, en colaboración coa Policía Nacional; prestar atención singularizada á vítima, a través de información detallada sobre procedementos legais, institucións de apoio...; o traslado das vítimas ao centro asistencial cando teñan sido agredidas, así como á comisaría para proceder á denuncia; a recollida de datos sobre o agresor e posta en marcha de medidas de seguridade oportunas; e a  adopción das medidas de protección establecidas nos correspondentes protocolos, tendo en conta o nivel de risco da vítima.


Máis de 32.000 accións de vixilancia

O traballo dos efectivos da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia do sistema Vioxén permitiu a detención de catro persoas ao longo de 2024. Neste período tamén realizaron outras actuacións destacables como máis de 32.000 accións de vixilancia na contorna da vítima ou do agresor, ou preto de 7.000 contactos coas vítimas ou agresores. Ademais realizáronse 1.400 acompañamentos á vítima en accións como acudir aos xulgados, á comisaría ou á recollida de pertenzas,  e elaboráronse máis de 2.700 informes e valoracións de risco.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

As actuacións inícianse de oficio, a instancia das vítimas ou por requirimento de terceiros, en calquera das sedes da unidade, pero de forma habitual actúase a instancias do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, desde onde se centralizan a maioría das alarmas relacionadas con esta materia.


Desde o ano 2019, a Unidade Adscrita está integrada no operativo do 112 Galicia coa presenza diaria dun axente que se encarga de desviar as incidencias ás correspondentes xefaturas provinciais e á local de Vigo e Santiago, co obxectivo de acadar un seguimento máis inmediato.


Programa prioritario

Na actualidade as unidades de prevención, asistencia e protección ás vítimas de violencia de xénero do sistema de protección Vioxén da UPA contan con 92 policías, o que demostra a prioridade deste programa para a Xunta. Así pois, malia a perda de efectivos e de ter asumido outras funcións que precisan de persoal operativo permanente como a vixilancia das rutas xacobeas, a loita contra o furtivismo ou os delitos relacionados co medio ambiente, a unidade segue a manter o nivel de actividade en materia de violencia de xénero con 6 axentes máis que os 86 de media anual entre 2016 e 2021.


Cómpre destacar o compromiso da Xunta coas funcións asumidas pola Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia pese á continua redución de efectivos cun total de 343 axentes, o 70% dos 500 que lle corresponderían, motivo polo que o Goberno galego xa reclamou en reiteradas ocasións ao Ministerio do Interior que cubra as prazas vacantes.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page