top of page
Foto del escritorLaura Moure

"A saúde mental está moi estigmatizada e espero que este poemario colabore a romper este estigma"

"É unha boa forma de visibilizar os segredos que a xente con enfermidades mentais non se atreve a contar e de que saiban que, aínda que sexa só unha rapaza que se aventurou a escribir un libro, hai alguén que a entende"

Zerua Galego.

ENTREVISTA Á AGOLADESA ZERUA GALEGO INSUA QUE ACABA DE PUBLICAR A SÚA PRIMEIRA OBRA BROKEN, BEAUTIFUL


Laura Moure/Agolada

Broken, Beautiful é unha obra de prosa poética que visibiliza as enfermidades mentais. Nela atoparemos os pensamentos máis profundos da depresión e a ansiedade representados dunha maneira sinxela. A súa autora é a agoladesa Zerua Galego Insua. Ten 17 anos, é o seu primeiro libro e quere estudar Filoloxía Inglesa en Salamanca "para acercarme máis ás palabras para saber mellor como moldealas!", incide. Hoxe conversamos con ela.


1. Como e cando xorde a idea de escribir un libro?

Realmente eu só escribía textiños nunha libreta de cubertas azuis e nas notas do móbil cando me sentía mal, a modo de terapia. Falei cunha amiga de recopilar algúns deles e metelos nun libro, e tras moitísimos mareos, saíu isto!


2. Por que este título: Broken, beautiful?

Sempre me gustou o inglés. Tradúcese como Rota, fermosa. Ocorréuseme un día e dixen: "Este é. Este ten que ser o título", porque me din conta de que por moito que alguén estivera sufrindo, aínda que se rompera, seguía merecendo agarimo e seguiría conservando a súa beleza. As nosas feridas non determinan a nosa valía.


3. Como o definiría?

Como unha noite de choiva despois dunha tronada forte. Algo de calma, sen ser feliz. Eu case o definiría como un espello do que eu son e do que pode sentir a xente. Quero que se sinta arroupada polas miñas palabras e que cada unha desas persoas saiba que non está soa e que a comprenden. Definiríao de moitas maneiras, pero o mellor é que o defina cada lector como o que lle fixo sentir.


4. Por que decide falar sobre enfermidades mentais?

Empecei a sufrir de ansiedade e depresión cando apenas entraba na adolescencia. Nun sentido, penso que perdín unha parte de min e da miña vida ao non saber que facer con elas, con quen falar ou se os meus sentimentos eran "normais" e non estaba tola. Penso que é unha boa forma de visibilizar todos os segredos que a xente con estas enfermidades non se atreve a contar e de que saiban que, aínda que sexa só unha rapaza que se aventurou a escribir un libro, hai alguén que a entende. Foi difícil compartilo, pero espero que pague a pena.


5. Queda moito por avanzar na aceptación e na maneira de tratar estas patoloxías?

Si. É unha resposta moi rápida e rotunda, seino, pero si. Non se entende aínda como a xente sofre de maneiras distintas, como nun estado de vulnerabilidade coma ese unha simple frase pode destruírnos. Por desgraza, a saúde mental está moi estigmatizada, somos persoas "tolas" ou "desequilibradas", e espero que este poemario colabore, aínda que sexa pouco, a romper ese estigma.


6. En que se inspirou para escribir este libro?

As preguntas de inspiracións sempre me resultan súper complexas. Realmente a miña única inspiración fun eu mesma, nos meus peores momentos, intentando desafogarme como podía. Pero, indo un pouco máis a detalle, atopo inspiración en todo: desde a lúa ata un simple bolígrafo. Todo é poesía se a sintes ben.


7. Como foi o camiño para poder publicalo?

Cheo de nervios, quebradeiros de cabeza e ilusión. Mandeino a varias editoriais e decidín quedarme coa última que me aceptou, Postdata Ediciones. Tiveronme moi nerviosa ese mes que tardaron en contestar! Dende aí, a editora foi un encanto, tivo moitísima paciencia comigo, canto a mareei (Andrea, perdóname por favor). A ilustradora, Lily, fíxome unha portada preciosa, namoreime dela a primeira vista, e ademais grazas a Ánxela Adán e a Rocío Morilla teño no meu libro unhas ilustracións preciosas. O camiño foi estresante e incerto ao ser tan novata, mais foi emocionante e estou moi contenta. Agora toca a peor parte, a preventa!


8. Onde se pode mercar?

Pódese conseguir a páxina web de Postdata Ediciones https://postdataediciones.com/producto/broken-beautiful/, no link que hai no me Instagram (@zeruagalego) ou mandándome unha mensaxe directa a esa mesma dirección para conseguilo asinado!


9. Dende cando lle gusta escribir?

Dende sempre. Son unha persoa moi artística, e manexar e moldear as palabras, esculpir con elas os sentimentos... é precioso. Penso que é a forma de arte que máis me gusta.


10. Cales son os seus proxectos futuros?

Teño rematado xa outro poemario, aínda que de momento non podo confirmar que se vaia publicar. Tamén estou traballando noutro e, ademais, teño empezada unha novela (na que realmente non teño moita confianza, mais soñar é gratis). Se todo vai ben, volverei con máis e mellor contido!

A portada do libro.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page