top of page
Foto del escritorecosdacomarca

A residencia de maiores de Palas de Rei abriu hoxe as súas portas, como estaba previsto en marzo

Agarda sobrepasar os 20 traballadores unha vez que a súa capacidade estea completa

Marcos Vázquez e Pablo Taboada ante as portas da residencia.



Laura Moure/Palas de Rei

O anuncio feito público polo alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, de que a residencia de persoas maiores de Palas de Rei abriría as súas portas neste mes de marzo, fíxose realidade no día de hoxe. O grupo de promotores locais, formado por Marcos Vázquez e a súa parella Belén García López, natural de Palas de Rei, que dende os seus principios apostaron decididamente por este proxecto, puxérona hoxe en funcionamento.


“Hai cinco persoas para ingresos e 10 traballadores en plantilla e progresivamente iranse incorporando novos profesionais, na medida que o vaian requerindo as necesidades dos dependientes, e agardamos sobrepasar os 20 traballadores unha vez que a capacidade da residencia estea completada, isto é, 46 usuarios internos” sinalou Marcos Vázquez.


O equipo de profesionais

Un equipo multidisciplinar de profesionais (auxiliares, persoal de cociña, fisioterapeutas, persoal sanitario entre outros) cubrirán as necesidades básicas dos internos. Neste senso, “a traballadora social que, en coordinación co terapeuta ocupacional, van ter unha labor fundamental para determinar a psicomotricidade dos internos” resalta Vázquez.


Logo dunha inversión de 1.250.000 euros, dos que contaron cunha inversión de 200.000 euros de axuda do Grupo de Desenvolvemento Rural ( GDR) Miño-Ulla e a declaración por parte do Concello de Palas de Rei, como “Proxecto de Especial Interese”, abre a súas portas o primeiro centro residencial destas características na Comarca da Ulloa, cunhas modernas instalacións, totalmente equipadas e adaptadas as necesidades dos usuarios.


Xunto as variadas habitacións coas que conta esta residencia, tamén dispón de espazos comúns como comedor, cociña e varias salas multiusos. Dispón, ademais, dun servizo de enfermería, fisioterapia e terapia ocupacional. Ante o actual contexto de pandemia, o centro residencial ten activados todos os protocolos específicos de prevención e seguridade fronte a Covid-19.


Precisamente por elo, o acto inaugural evitou aglomeracións, reducíndose á presenza do alcalde de Palas de Rei e a dos promotores da iniciativa. O propio rexedor de Palas de Rei, celebrou esta inauguración e referiuse a esta data como “un día histórico para o municipio de Palas de Rei en particular, e para a Comarca da Ulloa en xeral, dado que supón a apertura do primeiro centro residencial destas características ata o momento. Co elo, tamén, cúmprese unha vella aspiración, o feito de que Palas tivera unha residencia de persoas maiores. E estamos felices de que emprendedores do pobo tomasen esta iniciativa para prestar un servizo asistencial necesario, tanto polo volumen de emprego que xera, como pola finalidade dos servizos que presta” manifestou Pablo Taboada.

Belén García e Marcos Vázquez e o interior da residencia.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page