top of page

A propietaria da parcela do albergue da Bandeira (Silleda) demanda por vía xudicial a súa recuperación

O BNG de Silleda esixe "transparencia e garantías nas cesións de terreos" e lamenta "a nefasta xestión do Concello" neste caso en concreto


Ecos da Comarca/Silleda

Unha veciña da Bandeira (Silleda) iniciou un proceso xudicial para recuperar a posesión da súa parcela situada no lugar de Agro do Valo, dentro do termo municipal de Silleda, tras vencer o prazo de cesión temporal que mantiña co Concello desde o ano 2011 onde está situado o albergue de peregrinos. O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución n.º 1 de Lalín admitiu a trámite a demanda de desafiuzamento e sinalou data para o lanzamento do Concello, prevista para o próximo 10 de xullo de 2025, no caso de que non haxa oposición ou recurso que impida a súa execución.


Esta acción xudicial súmase ao procedemento contencioso- administrativo que a afectada mantén ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en defensa dos seus dereitos urbanísticos. O recurso interposto ten por obxecto a corrección dun erro na cualificación urbanística da devandita parcela, cometido durante a tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Silleda, aprobado definitivamente en 2024. Segundo a propietaria, a leira, que durante a aprobación provisional do PXOM en 2017 estaba clasificada como “Desenvolvemento lineal” (O.2.3), foi modificada erroneamente a “Equipamento de titularidade pública” (O-7), "o que supón unha vulneración dos dereitos de propiedade e un prexuízo económico para a súa lexítima propietaria".

Cabe lembrar que a parcela foi cedida gratuitamente por esta veciña ao Concello no ano 2011, co único fin de facilitar a instalación provisional dun albergue de peregrinos, como un xesto de xenerosidade cara á súa comunidade. A cesión era temporal e prorrogábase ano a ano, co compromiso de que o terreo lle sería devolto cando cesase o seu uso. Por iso, a denunciante manifesta que "se sente enganada e profundamente decepcionada, ao comprobar que, tras facer un favor á Administración e á veciñanza, o Concello de Silleda e a Xunta de Galicia non só non lle restituíron a súa propiedade, senón que tentaron apropiarlla mediante unha errónea (queremos pensar) e arbitraria cualificación urbanística como dotación pública". Ademais, subliña "que ninguén asumiu responsabilidade nin corrixiu o erro, obrigándoa a acudir aos xulgados para defender o que sempre foi seu, con todo o esforzo, desgaste e gastos legais que iso implica para unha cidadá que simplemente actuou de boa fe".


Ademais, sinala que a propia concelleira de urbanismo —hoxe alcaldesa— Paula Fernández Pena recoñeceu por escrito que o cambio de cualificación debeuse a un erro interpretativo entre os técnicos municipais e os redactores do PXOM. "A pesar diso, ata o momento ningunha Administración corrixiu o erro nin adoptou medida algunha para reparar o dano causado". Esta veciña insiste en que a súa única intención" foi sempre recuperar o que é seu, sen ánimo de confrontación", e solicita ás autoridades que actúen con responsabilidade, transparencia e dilixencia para corrixir canto antes este grave erro administrativo e urbanístico.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Pola súa banda, o grupo municipal do BNG de Silleda quere expresar a súa profunda preocupación pola situación xerada arredor desta parcela cedida por esta veciña. "Este terreo foi cedido gratuitamente pola propietaria, en acto de boa vontade e compromiso co ben común, e agora, máis dunha década despois, vese na obriga de acudir aos tribunais para recuperar a súa propiedade e solicitar a corrección da súa cualificación urbanística, modificada sen o seu consentimento".


Desde o BNG “lamentamos profundamente a nefasta xestión do Concello neste asunto, que non só non actuou con dilixencia para resolver o conflito, senón que está forzando á cidadá a asumir custes legais innecesarios por un erro da Administración. A boa fe da veciña foi correspondida cunha actuación administrativa que podería considerarse lesiva para os seus dereitos”.


Este caso, apunta o Bloque, "pon en evidencia a urxente necesidade de transparencia nos contratos de cesión de terreos ao Concello, así como garantías claras para os propietarios". Dende o partido nacionalista solicitan que se publique un inventario actualizado de todas as parcelas cedidas, con indicación dos seus usos actuais e da súa situación urbanística, e que se revisen todos os convenios existentes para detectar posibles situacións semellantes.


Así mesmo, propoñen a creación dun protocolo municipal específico para as cesións de terreos, que impida calquera alteración dos compromisos adquiridos sen o consentimento expreso dos titulares das fincas. Desde o BNG reafirman "o seu compromiso coa xustiza, a legalidade urbanística e a defensa dos dereitos da veciñanza fronte a calquera intento de apropiación encuberta ou erro administrativo que cause prexuízo aos cidadáns".

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page