Laura Moure/Arzúa
Mañá, sábado, 18 de xaneiro de 2025, ás 19:00 horas, a Capela da Madanela acollerá a representación teatral de "Menú-do día", unha proposta artística promovida pola campaña Liberdade de #SereSentir, organizada pola Deputación da Coruña. Esta actividade enmárcase dentro das iniciativas de sensibilización social que buscan poñer en valor a diversidade e fomentar a igualdade.
"Desde a Concellería de Igualdade cremos que é importante concienciar sobre a importancia da liberdade afectiva e sexual todos os días do ano. Por iso, agradecemos á Deputación que aposten por este tipo de campañas, que permite acceder á veciñanza á arte, entendida entendida esta como un espazo expresión, de rebeldía e de toma de conciencia social. Estas propostas artísticas de calidade axudan a que entendamos mellor os problemas estruturais aos que se enfronta o colectivo LGBT+ hoxe en día" subliña Lucía López, concelleira de Igualdade.
"Menú-do día", creada polo Colectivo CBV, é unha obra cargada de forza e simbolismo. Trátase dun acto de resistencia e rebeldía, un manifesto de conciencia humana e disidencia política que aborda temas como o odio e a ledicia, a escuridade e a luz, a tristeza e a aceptación. Dende a resiliencia, a peza convértese nunha celebración pola diversidade e a liberdade de ser e sentir.
Publicidade
Faladoiro posterior sobre diversidade LGBT+
Ao remate da obra, terá lugar un faladoiro a cargo da Asociación LGBTIQ + ALAS A Coruña, onde se abordarán temas relacionados coa diversidade LGBT+ e as realidades que afectan a este colectivo. Esta actividade busca crear espazos de reflexión e diálogo abertos á comunidade.
Espectáculo inclusivo e recomendado para maiores de 14 anos
"Menú-do día" é unha proposta accesible que conta con subtitulado adaptado para persoas con discapacidade auditiva e zonas habilitadas para persoas con mobilidade reducida, garantindo a participación de todas e todos.
Comments