Está dirixida aos rapaces de 12 a 15 anos e a inscrición xa está aberta
Laura Moure/Comarcas Arzúa/Terra de Melide
A área de Deportes da Deputación da Coruña organiza, entre o 14 de xaneiro e o 21 de febreiro de 2022, diversas viaxes á estación invernal de Valgrande-Pajares (Asturias) para impulsar a práctica do esquí entre a mocidade de 12 a 15 anos de idade dos municipios coruñeses. Nesta nova edición, participarán 600 nenos e nenas de toda a provincia (100 máis que na anterior edición), que se repartirán en seis quendas de catro días de duración cada unha. Polo tanto, os mozos das comarcas de Arzúa e Terra de Melide poden desfrutar desta iniciativa.
Con esta campaña, a institución provincial pretende "que os rapaces e rapazas da provincia da Coruña poidan iniciarse ou perfeccionar as súas habilidades no esquí, ao mesmo tempo que participan noutras iniciativas deportivas e culturais organizadas de xeito complementario", indicou a deputada de Deportes, Cristina Capelán.
As viaxes terán un custe de 85 euros e inclúen transporte, estadía de catro días na estación de Valgrande-Pajares, clases de esquí, monitores, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados. Terá prioridade na inscrición a rapazada que nunca fora a ningunha campaña de neve da Deputación.
Desde a institución provincial recoméndase aos e ás asistentes que leven consigo gorro, luvas, gafas de esquí e de sol, anorak térmico, pantalón impermeable ou similar, roupa de rúa e deportiva, chuvasqueiro, mochila pequena, útiles de aseo, pixama e crema solar.
Inscrición aberta nos Concellos ata o 14 de decembro
Os interesados e interesadas en participar deberán presentar no seu Concello a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos pais ou titor do solicitante, fotocopia da tarxeta sanitaria e do carné de identidade e copia do aboamento da cota de inscrición (unha vez a praza estea confirmada).
O prazo para apuntarse xa está aberto e remata o 14 de decembro de 2021. No caso de que se soliciten máis prazas das dispoñibles, os concellos procederán a sortear as mesmas entre os e as solicitantes.
A ficha de inscrición e toda a información correspodente á Campaña de Esquí 2022 pódese descargar da páxina web da Deputación da Coruña https://www.dacoruna.gal/deportes/esqui-2
Comments