top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar do Pino inclúe exhibición de motocross, artesanía, música e o espectáculo de Paco Martos

Celébrase o 3 e 4 de agosto coa feira de galiñas e galos piñeiros vivos e a mostra cabalar como principais atractivos


Laura Moure/O Pino

Un espectáculo de motocross, co campión español Pedro Moreno e o inglés Greg Rowbottom, o concerto da Banda de Música de Arca e o grupo Ailá e a mostra Artesanía no Camiño xunto ao espectáculo ecuestre de Paco Martos completan este ano o programa da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar que a primeira fin de semana de agosto (os días 3 e 4) xuntará en Arca a milleiros de persoas.


Declarara Festa de Interese Turístico de Galicia, a exhibición de galiñas e galos piñeiros vivos, con premios aos mellores exemplares, e os diferentes concursos equinos son os principais atractivos da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar. Pero a festa inclúe tamén obradoiros, actividades infantís, degustación de galo, o tradicional xantar popular e sobre todo moita troula e moita música. Ademais, este ano tamén se levará a cabo a feira de ‘Artesanía no Camiño’, co obxectivo de amosar o labor de todas as persoas que traballan en prol da conservación das tradicións e da cultura da contorna.

O domingo 4 de agosto, tralo anuncio do comezo da festas coas bombas de palenque, abriranse a Mostra Cabalar (9:00 horas) e a XXIII Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira (10:00 horas). A partir das 11:00 horas sucederanse as propostas para a veciñanza e os visitantes coa actuación da charanga NBA e a apertura da feira Artesanía no Camiño que inclúe talleres demostrativos de bolillos, bordado ao aire, coiro, xoguetes de madeira, e actividades participativas para toda a familia, xogos e os espectáculos de rúa ‘Mini festival circense’ (13:00 horas) e ‘Hoxe si!’ (18:00).


Ao tempo que comeza a sesión vermú con EME Music chegará a degustación gratuíta de galo piñeiro (13:00 horas) e o pregón, que este ano correrá a cargo da delegada da Xunta da provincia da Coruña Belén do Campo Piñeiro. Como é tradición xa, a Feira de galos e galiñas vivas de Raza Piñeira do Pino repartirá premios para os tres mellores galos e galiñas piñeiras, os tres mellores galos de curral e o mellor animal da exposición. As inscricións para participar faranse o domingo a partir das 9:30 horas na propia feira, na praza de Forcarei. A entrega de galardóns está programada para as 14:30 horas, e dará

paso ao xantar popular (15:00) baixo a carpa situada preto da praza de Forcarei.


Polo que respecta á Mostra Cabalar, as inscricións poderán facerse a partir das 9:30 e ás 10:00 horas comezan os diferentes concursos, que este ano reparten máis de 3.400 euros en premios. Pola tarde, ás 17:30 horas, reabrirase os concursos e entregarase o premio especial Faísca ao mellor exemplar de Pura Raza Española nado e criado en Galicia.


As probas de trotóns e de arrastre serán outros dos grandes atractivos deste domingo no Pino a partir das 19:00 horas, xunto á concesión de galardóns aos gañadores da Mostras Cabalar deste ano 2024. O domingo, a Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar rematará co espectáculo ecuestre de Paco Martos, que o ano pasado xa causou sensación entre as dúas mil persoas que o presenciaron. O público puido gozar cunha exhibición na que Paco Martos demostrou a armonía que ten cos cabalos, cos ponys, cos cans lobo e cos demais animais que participan neste espectáculo en total liberdade, xa que non utiliza rendas nin arneses.


Este ano o xinete cordobés promete seguir sorprendendo ao público que se achegue ata Arca o domingo 4 de agosto a partir das oito e media da tarde, para presenciar un espectáculo que xa percorreu varios países de Europa.


Publicidade


Entradas para o Xantar popular

O Concello de O Pino xa puxo a venda as entradas para participar no xantar popular o domingo día 4, que o ano pasado xuntou un milleiros de persoas degustando un menú no que o polbo e o galo foron protagonistas. As persoas interesada en asistir poderán adquirir os boletos nos locais de restauración do municipio a un prezo de 25 euros ata o venres 2 de agosto. En caso de que queden entradas sen vender, o mesmo domingo, día 4, poderán mercarse no stand que o Concello de O Pino ten todos os anos na praza de Forcarei.


Free style motocross e concerto da Banda de Arca

Se o domingo, día grande, os galos e os cabalos serán os grandes protagonistas da xornada, o programa da Festa do Galo Piñeiro comeza o sábado, día 3, cun espectáculo de motocross e o concerto da Banda de Arca. A partir das sete da tarde, na rúa Nova (campo da festa de Arca), o catro veces campión de España de Freestyle (2013,2014, 2015 e 2019) Pedro Moreno, e o británico Greg Rowbottom demostrarán as súas habilidades sobre as dúas rodas nun espectáculo freestyle Motocross que, sen dúbida, sorprenderá a moitos dos presentes.


Esta xornada de sábado rematará co concerto da Banda de Música de Arca e o grupo Ailá, a partir das 20:30 horas na praza de Forcarei. Nesta ocasión mesturarase a música da banda coa do grupo Ailá, que presenta unha proposta inspirada na música tradicional de transmisión oral que nos mergulla no universo folk.

0 comentarios

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page