top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Feira do Cocido de Lalín irmándase coa Festa da Filloa de Lestedo

Estes lazos de unión formalizaranse mediante a aprobación dun protocolo de irmanamento nos plenos lalinense e boqueixonés correspondentes a este mes de xaneiro


Laura Moure/Lalín

A Feira do Cocido de Lalín irmándase coa Festa da Filloa de Lestedo, Festa de Interese Turístico Nacional desde o pasado mes de abril. Tras levar adiante diferentes conversas e reunións nos últimos meses entre os alcaldes das dúas localidades, Lalín e Boqueixón, e representantes da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, dada a repercusión que está alcanzando a Festa da Filloa e tratando de aproveitar a simbiose coa Feira do Cocido, os dous mandatarios, José Crespo Iglesias e Ovidio Rodeiro Tato, consideraron que sería beneficioso realizar actos conxuntos de potenciación e difusión das dúas Festas, con distintivos Internacional no caso da lalinense e Nacional no caso da Filloa de Lestedo. Nestes encontros tamén tomou parte o edil de Turismo, Avelino Souto, e pola dita Asociación da Filloa, o seu presidente, Xosé Manuel Canabal, e os membros Juan Manuel Corral e Pascual Villaverde.


Así partiu a iniciativa de facer unha irmandade entre ambas festas e localidades para oficializar as sinerxías que se dan entre ambas celebracións e materializar estes lazos de unión, xa no presente ano e en adiante, que redundarán en beneficio das dúas festas. Para darlle forma a estas intencións levarase a Pleno do 29 de xaneiro en Boqueixón e do 31 de xaneiro en Lalín a aprobación dun protocolo de irmanamento entre ambos festexos e municipios.

Tras a aprobación dos acordos plenarios nas dúas Corporacións Municipais farase un primeiro acto de visibilización deste irmanamento na Feira Internacional de Apicultura de Lalín, Alvariza, o sábado 1 de febreiro ás 13 horas onde intervirán os dous alcaldes José Crespo e Ovidio Rodeiro, representantes da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo promotora da festa- e posteriormente desenvolverase un showcooking a cargo do chef José Manuel Mallón, que preparará diferentes elaboracións nas que a filloa será o produto principal.


Con posterioridade, e coincidindo co día grande da Festa da Filloa, o domingo 9 de marzo, desenvolverase en Lestedo (Boqueixón) un acto propio para difundir e poñer o irmanamento entre ambas festas, de tal xeito que na Filloa se degustará Cocido de Lalín no xantar oficial que capitaneará un cociñeiro lalinense. Ademais, a partir de agora todos os anos celebrarán pola festividade da Filloa un Cocido de Lalín.


Trátase así de crear unha simbiose entre a Filloa e o Cocido tratándose de que esta é unha das sobremesas típicas da nosa Feira, de xeito que se aproveite a sinerxía de ofrecer Lalín a marca de calidade do Cocido e desde Lestedo a garantía da mellor sobremesa posible da man dos mellores filloeiros.


Festa da Filloa

A Festa da Filloa de Lestedo (Boqueixón, A Coruña), Festa de Interese Turístico Nacional desde abril de 2024, pon en valor un produto gastronómico con gran arraigo que se combina con propostas culturais con elevado enraizamento como o Entroido singular dos Xenerais da Ulla. A súa xornada grande celébrase no domingo posterior ao martes de Carnaval coñecido como o domingo de Piñata e que, nesta xa LXII edición, cadra a 9 de marzo de 2025.


Naceu no ano 1983, froito do interese da veciñanza desta parroquia boiquexonesa por exaltar un dos pratos típicos do Entroido que máis raizame ten na nosa cultura. A Festa, organizada desde 2015 pola Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, esténdese durante varias semanas co fin de exaltar as calidades gastronómicas e a versatilidade desta tradicional sobremesa.


Demostracións culinarias e clases maxistrais con reputados cociñeiros; degustacións; música enxebre e de orquestras; actividades infantís; xornadas formativas en centros educativos; certame fotográfico Filloarte; encontros dos Xenerais da Ulla, personaxes típicos do Carnaval desta zona cos que se revitaliza outra antiga tradición da Comarca da Ulla, únense a outras propostas complementarias e compoñen o variado programa da Festa da Filloa de Lestedo.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O día grande da Festa, o campo da feira énchese, xa desde o mediodía, de xente desexosa de probar as filloas. Elaboradas a base de fariña, auga, ovos, sal e touciño para o untado, desde o ano 2004 cocíñanse en dúas orixinais máquinas chamada filloeiras da que actualmente saen unha media de 2.000 filloas cada hora.


Os Xenerais da Ulla constitúen unha das manifestacións da cultura etnográfica máis significativas e auténticas desa bisbarra, que teñen como un dos seus epicentros a Festa da Filloa de Lestedo. Esta manifestación singular abrangue un total de 8 concellos das provincias da Coruña (Boqueixón, Santiago de Compostela, Touro, Teo e Vedra) e de Pontevedra (Vila de Cruces, A Estrada e Silleda) e ten a súa orixe nas batallas napoleónicas que se deron na zona.


Cada edición a Festa da Filloa de Lestedo reúne a unhas 25.000 persoas asistentes ás máis dunha vintena de distintas actividades que supoñen un retorno económico de 1 millón de euros para a localidade e a Comarca. Unhas 60.000 filloas son degustadas na xornada grande da Festa que une a máis de 200 veciños e veciñas implicados na organización.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page