top of page

A DXT comeza hoxe en Galicia unha campaña de control de velocidade

O obxectivo é reducir a velocidade media, e contarase co apoio das policías municipais para conseguir un maior alcance


Ecos da Comarca/Xeral

A Delegación do Goberno en Galicia informa de que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) iniciará hoxe, luns 7 de abril, unha campaña de control de velocidade que incidirá especialmente nas estradas convencionais (as que dispoñen dun só carril en cada sentido) e nas vías urbanas da comunidade galega. Esta iniciativa, que forma parte da programación anual da DXT, ten como obxectivo conseguir unha maior redución da velocidade media e manterase durante toda a semana, ata o domingo 13.


A campaña será coordinada polas xefaturas provinciais de Tráfico e empregará o máximo de medios posibles, co aviso, cando sexa posible, da existencia de controis a través dos paneis de sinalización variables e nas pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico situados nas proximidades. Ademais, nestes controis a DXT contará co apoio das distintas policías locais dos concellos no seu ámbito de actuación, unha colaboración moi importante para unificar a mensaxe de respecto aos límites de velocidade establecidos independentemente da vía pola que se circule.


Os controis velarán polo cumprimento dos límites xenéricos e específicos de velocidade, velocidade en adiantamento e distancias entre vehículos. Neste aspecto, convén lembrar que, en marzo de 2022, entrou en vigor a norma que impide aos condutores pasar a velocidade en 20km/h para adiantar en vías convencionais.

De feito, no ano 2024, un total de 39.168 persoas condutoras perderon en Galicia 95.388 puntos do permiso de condución pola comisión de 40.588 infraccións graves de exceso de velocidade. Deste total, 1.267 persoas cometeron as sancións que comportan 6 puntos de extracción, as de maior gravidade.


A campaña que se inicia hoxe busca concienciar aos condutores da estreita relación entre unha velocidade inadecuada e os accidentes. E é que, a diferenza da incompatibilidade entre o alcol e a condución ou o uso do cinto de seguridade e do casco, que non son cuestionados, a consideración da velocidade como factor de risco non ten o mesmo nivel de aceptación entre os condutores, a pesar de que a velocidade excesiva é unha das causas concorrentes máis frecuentes nos accidentes mortais de tráfico en Galicia.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Campaña especial do ano pasado

Durante os sete días de campaña de vixilancia e control de velocidade posta en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico entre os días 15 e 21 de abril de 2024, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil controlou a velocidade a 155.363 vehículos en Galicia. Do total de vehículos controlados, 9.557 persoas resultaron infractoras e, por tanto, denunciadas por exceso de velocidade.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page