top of page
Foto del escritorecosdacomarca

A Deputación e a Xunta recoñecen o traballo de Protección Civil nas xornadas provinciais en Palas

Ecos da Comarca/Palas de Rei

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este sábado na inauguración das VIII Xornadas provinciais de Protección Civil que se celebran en Palas de Rei. Na cita, que tivo lugar á entrada da Casa da Cultura deste concello, García Porto destacou que a Deputación de Lugo brinda a través do Plan Deputación axudas importantes para a actividade das agrupacións dos concellos.


“Unhas xornadas que son á vez un recoñecemento do traballo das Asociacións de Voluntarios de Protección Civil da nosa provincia, e un exemplo da aposta continuada pola preparación e a formación para dar resposta ás demandas da sociedade”, valorou a Deputada. “A presencia das cores de Protección Civil é unha garantía de tranquilidade e seguridade para todos os veciños e veciñas. Son un referente, un punto de información, de axuda e de organización”, continuou.

Xunto a García Porto, participaron o Presidente da Federación Lucense de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), José Franco Criado, e o Alcalde do municipio, Pablo Taboada, entre outras autoridades.


Pola súa banda, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, na VIII Xornadas provinciais de Protección Civil, onde destacou a xenerosidade do voluntariado destas agrupacións pola súa dedicación altruísta para garantir a seguridade cidadá.


Publicidade

Na súa intervención, Santiago Villanueva referiuse a estes colectivos como piares fundamentais na prevención de riscos e na atención ás emerxencias. Nesta liña, incidiu no agradecemento ao esforzo e ao compromiso das persoas que forman parte destas agrupacións e que comparten o obxectivo de velar pola seguridade e o benestar da cidadanía. Así, lembrou que en 2023 estes colectivos realizaron máis de 50.000 operativos en toda Galicia, boa parte deles en fins de semana ou datas sinaladas, demostrando a súa dedicación cando máis se precisa e xerando tranquilidade na poboación.


O director xeral reafirmou o apoio da Xunta ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) para facilitarlles o desenvolvemento do seu traballo coa máxima eficacia e seguridade. Así, contan con diferentes liñas de axuda que supuxeron un investimento superior aos 24 millóns de euros nos últimos anos.


Publicidade

Este financiamento permitiulles reforzar o seu equipamento coa adquisición de novos vehículos, equipos de protección individual e ferramentas tecnolóxicas avanzadas a prol da capacidade operativa e a seguridade do persoal voluntario. A isto súmase unha liña anual de axudas destinada ao mantemento da súa actividade, que ascende a 340.000 euros e que só este ano beneficiou preto de 200 colectivos.


A formación é outro dos piares do apoio do Goberno galego ás AVPC, con cursos específicos impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Ao longo do último ano houbo case un cento de accións formativas nas que participaron 2.000 persoas.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page