Unifica os procesos nunha soa aplicación móbil e dixitaliza por completo as poxas
Laura Moure/Silleda
A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA segue implantando importantes melloras nos seus sistemas telemáticos, orientadas tanto a optimizar os resultados que obteñen os seus usuarios como a axilizar o proceso das poxas que se celebran cada martes no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. Así, seguíronse mellorando os servizos que ofrece a Central a través da súa aplicación informática.
En 2021 introduciuse un sistema para comunicar a través do móbil aos usuarios os resultados de cada poxa en tempo real sen que estes tivesen que acudir ao recinto para aceptar ou rexeitar as poxas. Por outra banda, ese mesmo ano estableceuse a opción de que os compradores puidesen poxar dende o móbil a través dunha aplicación propia da Central, sen necesidade de utilizar tiras de papel.
Agora, a Central dá un paso máis nestes dous servizos. Por unha banda, estívose traballando na aplicación propia da Central para unificar nela tanto a realización das poxas por parte dos compradores como a recepción de resultados e a aceptación ou rexeitamento dos mesmos por parte dos vendedores, a cal ata o de agora se leva a cabo a través dunha aplicación externa denominada TokApp. Unha unificación que xa está en probas e que están a empregar algúns usuarios da Central, e que supoñerá que se utilice unha única aplicación para todas as operacións tanto para compradores como para vendedores, o que simplifica o proceso para os usuarios e permítelles ter toda a información nunha única aplicación.

Por outra banda, iniciouse un proceso para que a dixitalización na introdución de poxas a través do móbil que xa está operativa, sexa completa, polo cal se eliminan as tiras en papel para levalo a cabo unicamente a través da aplicación da Central a partir do 6 de maio. Unha dixitalización que, novamente, busca modernizar e mellorar as operacións dos usuarios do mercado. Así, os compradores sempre terán accesible a súa poxa no móbil para vela cando queiran, poderán facer o sumatorio da cantidade de diñeiro que poxaron nesa poxa ou noutras pasadas ou poderán filtrar por criterios para poxar soamente por aqueles animais que lles interese, por exemplo, aqueles que teñan o certificado Tenreira Galega. Ademais, poderán comprobar todos os datos dos animais no móbil, como idade ou se teñen algunha restrición sanitaria (se deben quedar en Galicia, ir directamente ao matadoiro…).
Ademais, terá vantaxes para todo o proceso da Central, xa que, ao eliminar a introdución ao sistema dos datos das tiras de papel por parte do persoal administrativo, axilizarase o proceso da poxa, ademais de reducir consumo de papel.
Numerosas melloras nos últimos anos
O carácter pioneiro da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA como única poxa de vacún informatizada en España, estivo tamén presentes neste proceso de modernización e dixitalización que comezou coa crise sanitaria da pandemia. Un proceso que continúa e ao que tamén se uniron melloras noutras vertentes do mercado.
Publicidade
Así, nos últimos anos incorporouse un seguro de vida para os animais de todas as categorías, o cal se estende desde a saída do recinto ata o xoves desa semana ás 12:00 do mediodía, e que é custeado pola Central. Tamén se estableceu a transferencia como único método de pago aos gandeiros, coas consecuentes vantaxes de eliminación de frecuentes extravíos de cheques por parte dos gandeiros, o aforro das comisións cando ingresan o cheque nunha entidade bancaria distinta á que opera coa Central e a recepción do recibo de transacción antes das 14.00h do martes en caso de ter correo electrónico.
Sumáronse outras medidas, entre elas, o incremento da calidade das “camas” dos animais ou a incorporación de 30 corraletas máis para becerros carniceiros e de catro peiraos de carga para becerros de recría que facilitan a súa carga e descarga. En canto a estas últimas melloras, está programado que se habiliten outras 30 corraletas para becerros carniceiros e duplicar os catro peiraos de carga xa operativos, ademais de abrir no pavillón 3 unha porta para vacas e outra para becerros carniceiros. Accións que está previsto que estean en funcionamento a mediados do mes de xuño.
Comments