top of page

A borrasca Martinho deixa tras de si máis de 600 incidencias en Galicia

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Das comarcas Lalín sumou 28 incidencias, pero houbo en xeral en todos os municipios, como Silleda, Rodeiro ou Monterroso


Ecos da Comarca/Xeral

A borrasca Martinho segue deixando a súa pegada en Galicia, cun total de 638 incidencias xestionadas nas últimas 24 horas, das cales 614 tiveron lugar entre a medianoite e as 18:00 horas deste xoves. A caída de árbores, postes, cables e outros obxectos desprazados polo vento continúa a ser a principal causa de incidencias nas vías de circulación.


No día de hoxe, contabilizáronse 336 incidencias relacionadas con árbores e pólas caídas en estradas, sendo estas as máis numerosas. Tamén se rexistraron 97 actuacións dos equipos de emerxencias para a prevención de riscos, 76 incidencias relacionadas con cables, carteis e postes afectados e 44 por derrubamentos e desprendemento de tellados.

Operarios traballando en Rodeiro.
Operarios traballando en Rodeiro.

A provincia de Pontevedra foi a máis afectada, con 276 incidencias rexistradas, seguida da Coruña con 160, Lugo con 99 e Ourense con 78. Ademais, rexistrouse unha incidencia xestionada polo 112 Galicia que pertencía á comunidade de Castela e León.


Entre os concellos máis afectados, na provincia da Coruña destacan Ribeira con 13 incidencias, Cee con 8 e Fisterra con 7. Na provincia de Pontevedra, Lalín sumou 28 incidencias, Vigo 29 e tanto Ponteareas como A Estrada alcanzaron as 18. En Silleda, como informa o Concello, tamén houbo varias así como en Rodeiro, como informa o alcalde. En Lugo, o concello de Sarria foi un dos máis prexudicados, con 14 incidencias, seguido de Chantada con 10 e Lugo con 9. En Monterroso tamén houbo problemas. Finalmente, en Ourense, Xinzo de Limia foi o concello máis afectado, con 12 incidencias rexistradas.


Aínda que nas últimas horas non se produciron incidencias especialmente destacables relacionadas coa meteoroloxía adversa, desde o 112 Galicia queremos lembrar que a situación meteorolóxica continúa sendo complicada. Os servizos de emerxencias seguen traballando arreo para atender as múltiples incidencias provocadas pola borrasca Martinho, polo que se solicita á cidadanía que extreme as precaucións e siga as recomendacións das autoridades ata que a situación mellore.


Ademais, hai varias zonas, entre elas das comarcas, que seguen sen luz, como en Agolada ou Rodeiro.


En Silleda

O forte temporal que asolou Galicia a pasada madrugada deixou novamente un regueiro de incidencias no municipio de Silleda, tal e como informa o propio Concello. A primeira hora da mañá todo o personal de obras e servizos así como a Policía Local se centraron no operativo para resolver, á maior brevidade, as máis de 20 incidencias rexistradas. As máis graves rexistráronse no sudeste do municipio (Cortegada, Oleiros, Laro Vilar, Taboada).


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

As fortes rachas de vento non só tiraron árbores, algunhas de grandes dimensións, senon que tamén destrozaron un establo preto de Regalade (Cortegada). A instalación, adicada á cria de cabalos quedou literalmente destrozada despois de “voar” varios metros.


A vía de acceso ao lugar dende Oleiros segue cortada por este incidente. Árbores, paneis informativos, chapas de edificios, contenedores e outros mobiliario, xunto con cableado de luz e teléfono afectados centraron a maior parte das incidencias.


Tamén se rexistraron caídas de árbores en Moalde, Rellas, e outro preto da estación depuradora que afectou á liña de Alta Tensión. Dende o Concello recibironse vía telefónica e tamén a través da aplicación Liña Verde todas as incidencias.


Por precaución tamén se pechou o acceso ao Parque Municipal das Pedrosas e se suspenderon as actividades ao aire libre.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page