A Asociación Amigos da Empanada prepara unha xornada festiva que buscará homenaxear aos profesionais do mundo do transporte
Laura Moure/Silleda
A Bandeira celebra o sábado 1 de xullo o tradicional San Cristovo, patrón dos viaxeiros e por extensión de todos os condutores e condutoras. A Asociación Amigos da Empanada de Bandeira argallou para esta xornada festiva unha completa programación que buscará homenaxear aos profesionais do mundo do transporte.
Ás 12:00 horas dará comezo a misa solemne cantada para dar paso posteriormente á procesión de camións e vehículos históricos, que percorrerán as rúas da vila para recibir finalmente a bendición. O percorrido, que estará guiado pola empresa local Duro e Hijos, contará cun especial reforzo policial que velará polo cumprimento das medidas; as autoridades informan que queda completamente prohibida a presenza de persoas nos remolques dos vehículos e que se debe cumprir a normativa de tráfico na súa integridade, polo que non poderán estar na cabina máis persoas das permitidas ou menores que non alcancen a idade mínima, as persoas condutoras dos vehículos deberán posuír o oportuno permiso para circular e as crianzas deberán viaxar coa retención infantil necesaria.
Ao finalizar a procesión, a festa trasládase á praza central da vila, onde dará comezo a sesión vermú a cargo de DJ Fonsi e o Dúo Reflejos, que amenizarán unha gran mexillonada gratuíta para todas as persoas asistentes. A partir das 15:00 horas será a quenda do xantar, cun prezo de 35 euros e un menú composto por empanada, polbo, carne ó caldeiro, bebida, postre, café e chupito. As entradas para a comida poderanse mercar ese mesmo día pero o colectivo recomenda notificar asistencia a través do Whatsapp de Amigos da Empanada (621 08 71 17) e poder contar así cunha estimación de asistencia.
Ao finalizar a comida, DJ Fonsi será o encargado de continuar coa animación musical ata o comezo do XXXVII Festival de Baile e Música Tradicional Xirandola, que dará comezo ás 19:00 horas e contará ademais coa actuación dun grupo convidado doutra comunidade autónoma.
A troula non se detén en ningún momento xa que unha vez finalizado o certame de baile tradicional, comezará a verbena co Dúo Reflejos e o Trío Manhattan que actuarán xunto a DJ Cid durante unha longa noite de verbena.
A Asociación Amigos da Empanada quere agradecer a especial colaboración do Concello de Silleda e de todos e cada un dos comercios da vila da Bandeira, facendo un chamamento para apoiar e mercar no comercio local, parte fundamental da vida de calquera pobo. Por outra banda, animan a colaborar coa agrupación seguindo as súas redes sociais que levan por nome Festa da Empanada (Facebook, Instagram, Twitter e TikTok).
Comments