O cartaz dunha destas citas é autoría dunha alumna da Escola de Música de Silleda, Naia Goldar Frade, elixido no certame no que participou o alumado do centro
Laura Moure/Silleda
As bandas de música serán protagonistas da programación cultural silledense na primeira fin de semana de abril, ca celebración dos dous festivais organizados pola Banda Municipal de Música de Silleda no auditorio da Semana Verde.
O sábado día 6 terá lugar o Festival de Bandas de Silleda, que acada a súa 30 edición, ca actuación da formación local e da Banda Cultural de Salceda de Caselas como agrupación convidada. A cita será ás 19:30 horas, con entrada libre.
Publicidade
Xa na xornada do domingo día 7, tocaralle o turno á canteira silledense co XV Festival de Bandas Infantís e Xuvenís. Ademais da actuación das dúas formación locais, a Banda Infantil e a Xuventil de Silleda, tamén participará na xornada a Banda da Escola de Música da Lira de San Miguel de Oia. A cita será ás 17:30 horas, tamén no auditorio da Semana Verde. O cartaz desta última cita é autoría dunha alumna da Escola de Música de Silleda, Naia Goldar Frade, elixido no certame no que participou o alumado do centro.
Publicidade
Os festivais foron presentados polo presidente da Banda, Herminio Gómez, o director da Banda de Silleda, Rafa Agulló, a alcaldesa, Paula Fernández e a concelleira de Cultura, Mónica González. Dende o Concello de Silleda destácase a traxectoria da Banda de Música na organización destes festivais polos que pasaron distintas agrupacións nas últimas décadas, así como o gran traballo realizado dende a EMUSI e que se visibiliza a través de celebracións como o festival de formacións infantís e xuvenís.
Comments