top of page

A Asociación Feiral Semana Verde convoca un concurso literario para estudantes sobre as feiras

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Ten formato entrevista interxeracional e está aberto a alumnado da ESO de toda Galicia


Laura Moure/Silleda

A Asociación Feiral Semana Verde de Galicia vén de convocar a primeira edición do seu concurso ‘Feiras Tradicionais Galegas’, aberto á participación dos alumnos e alumnas dos

centros de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) de toda a comunidade autónoma. O obxectivo é fomentar entre os máis novos e novas o coñecemento das antigas estruturas de mercado a través do relato de xeracións precedentes, toda vez que a Asociación Feiral é a semente da feira que hoxe se coñece internacionalmente como Semana Verde, en Silleda.


Incentivar as relación entre as distintas xeracións mediante a conversa, fomentar entre os e as nenas e adolescentes o gusto polas actividades literarias, despertar neles e nelas o interese por coñecer as súas orixes e por en valor o medio rural son parte das intencións deste certame, ao que se poderán presentar traballos ata o 16 de abril de 2025.

O texto deberá ter formato entrevista interxeracional, sendo o alumno ou alumna o que plantexe as preguntas a unha persoa de maior idade, por exemplo, un neto ou neta a un avó ou avoa, ou a calquera outra persoa cunha diferencia de idade similar. A temática do

cuestionario é as feiras e mercados tradicionais, de xeito que a persoa entrevistada explique aspectos relacionados co desenvolvemento deste tipo de mercados e o modo de vida en xeral de antano.


A entrevista, de estilo directo e escrita en galego, deberá ter un mínimo de 4.000 caracteres con espacios e un máximo de 5.000 e ser inédita. O texto gañador será publicado no próximo número do boletín que a Asociación Ferial Semana Verde de Galicia editará o vindeiro xuño, coincidindo coa celebración da Semana Verde. O segundo e terceiro mellor traballos tamén serán publicados, neste caso só na páxina web da Asociación, así como nas súas redes sociais.


Premios en metálico, excursións e obradoiros

Precisamente, os premios entregaranse de xeito presencial o 5 de xuño, co gaio da inauguración da cita ferial por excelencia en Silleda. Estes consistirán en tres galardóns por valor de 500, 300 e 200 euros, para o primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente.


Ademais, a aula do traballo gañador acadará como galardón unha saída didáctica ao Mosteirode Carboeiro, á Semana Verde e ao Museo do Campo e a Mecanización. Os outros dous alumnos ou alumnas finalistas, xunto coas súas familias e unha representación do centro, están convidados a xantar e tamén a visitar a Semana Verde e o Museo do Campo o mesmo día da entrega de premios.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Por outra parte, aos centros dos tres finalistas entregaráselles, ao primeiro, un vale para unha visita guiada ao Museo Etnográfico Cada do Patrón de Codeseda (Lalín), incluíndo un obradoiro de cerámica prehistórica; ao segundo, un vale para a entrada ao Museo do Mel O Enredo do Abelleiro en Portodemouros (Arzúa), cun obradoiro; e ao terceiro, un vale para a entrada ao Museo do Campo, todos eles para gozar no vindeiro curso lectivo.


As bases do concurso poden consultarse na páxina web da Asociación www.afeiral.com  As persoas interesadas en participar tamén poden ampliar a información sobre os requisitos de concurrencia a través do correo electrónico ‘asociacionfeiral@afeiral.com’ ou chamando á oficina, ao 986 581 413 ou 692 452 996.



コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page