O programa foi posible grazas a un investimento da Xunta de Galicia de máis de 540.000 euros
Ecos da Comarca/Lalín
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou este luns na clausura do obradoiro dual de emprego de Lalín ‘Lalín Verde’. Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano e que contou cun investimento da Xunta de máis de 540.000 euros, participaron 20 persoas desempregadas. O alumnado dividiuse entre as especialidades de Atención sociosanitaria en domicilio e institucións e Xardinería. Ambas contaron con acceso a unhas prácticas remuneradas durante toda a duración do programa.
Estas prácticas reverteron ademais a favor do propio concello, xa que se centraron na
mellora e reparación de varios espazos municipais. Así, o alumnado da primeira especialidade levou a cabo labores de atención ás persoas da terceira idade e
dependentes do concellos, mentres que o alumnado de xardinería participou na posta a
punto de varios parques e xardíns municipais.
Neste sentido, as actividades levadas a cabo no obradoiro permitiron ao alumnado
desenvolver as habilidades necesarias para inserirse no mercado laboral. Tanto é así que
algúns dos participantes conseguiron atopar un traballo relacionado co seu sector antes
incluso de rematar a formación.
Publicidade
O delegado territorial felicitou a todos os participantes polo traballo levado a cabo e “moi
especialmente a aqueles que froito da súa entrega, da súa habilidade e do seu esforzo xa
recibiron ofertas do sector privado”. Para rematar, Reguera lembrou os bos resultados que conseguiron a gran maioría de obradoiros que se levaron a cabo este ano e destacou “a enorme taxa de empregabilidade que se está a conseguir, tendo en conta que moitos obradoiros aínda non foron clausurados”.
Este ano tiveron lugar na provincia de Pontevedra 21 obradoiros de emprego, o que supón
preto de 11,5 millóns de euros de investimento da Xunta de Galicia.
Comments